Olivier Reboredo: «O de Protección Civil é un traballo preventivo de gran importancia»
OURENSE
«Altruísmo, compromiso e solidariedade» son os valores dos voluntarios
08 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A tempada de verán deste 2024 non foi, por sorte, noticia polos lumes rexistrados na provincia. Unha boa nova que se viu ameazada nos últimos días polos incendios na zona da raia que afectaron ao Xurés e a Entrimo e Oímbra, aínda que non se chegou aos niveis que marcan a alerta nestes casos. De lumes, prevención, accidentes e emerxencias en xeral sabe moito Olivier Reboredo Campos (Basel, Suíza, 1973). Defensor acérrimo do traballo que realizan os equipos de Protección Civil e os GES, o xefe de Emerxencias da Xunta de Galicia na provincia de Ourense cre que os concellos valoran cada vez máis a presenza dos mesmos e considera o labor que desenvolven un exemplo para a sociedade en xeral.
—Con cantas agrupacións de Protección Civil conta a provincia?
—Na actualidade hai setenta e sete en Ourense. Dende o ano 2015 reactivouse moito o sector e os concellos apostan por contar con este servizo. Os alcaldes son conscientes do traballo que se desenvolve e de que necesitas contar con persoal para todo o que organizas —actividades deportivas, culturais e doutras características— porque son imprescindibles. É un traballo preventivo de grande importancia.
—E Grupos de Intervención Rápida?
—Na provincia de Ourense temos once GES neste momento.
—Cantas persoas están vencelladas aos equipos?
—Hai tres mil voluntarios nos grupos de Protección Civil e os GES están dotados con doce persoas cada un deles. No primeiro caso mil son persoas aseguradas, é dicir que contan con cobertura para casos de accidentes. Esas mil persoas son, por así dicilo, os voluntarios operativos e os outros son colaboradores. No que respecta aos GES hai algunhas agrupacións nas que temos vacantes.
—En outubro recoñecían o traballo de persoas con máis de 40 anos de experiencia e hai unhas semanas a traxectoria do carballiñés Juan Míguez.
—O voluntariado de Protección Civil é xente moi fiel. Hai persoas que entran e logo marchan, por cuestións laborais ou profesionais, pero polo xeral temos xente con moitos anos de experiencia. Estamos falando dun traballo altruísta, polo que non perciben ningunha remuneración, e que se mantén durante décadas. Altruísmo, compromiso e solidariedade son os valores que Protección Civil transmite e deberían ser exemplo para a sociedade. No caso do Carballiño estamos falando da primeira agrupación da provincia e de xente que leva máis de corenta anos de implicación.
—Os lumes son o gran problema co que se atopan no seu traballo?
—A verdade é que este verán foi, no que a Protección Civil se refire, do máis tranquilo. Aos equipos tócalle actuar cando hai situacións de risco para a poboación. Cando temos grandes incendios, nos que se declara a «situación 2», xa estamos preparados para intervir. Este ano ningún chegou a ese nivel. Ourense ten unha gran problemática neste apartado, é a provincia de Galicia —e creo que do Estado— con maior número deles e trátase da principal tipoloxía en materia de emerxencias, ao non ter grandes polos industriais ou infraestruturas destacadas.
—E no caso dos encoros?
—Para as presas de tipo A as respectivas empresas están obrigadas, por lei, a ter os seus propios plans de prevención e de actuación para casos de emerxencias. Si que no caso da de Velle o Concello de Ourense aínda non elaborou o plan de actuación municipal, que é obrigatorio para coñecer a forma de actuar en caso de rexistrarse unha rotura.
—Neve e inundacións son outros campos de actuación?
—Nevadas cada vez menos, co cambio climático e a subida das temperaturas. E no caso das crecidas son zonas xa controladas: en Verín polo Támega, en Ribadavia nas que se rexistran no río Avia e en Ourense cidade, no Paseo das Ninfas.
«Nestes nove anos investíronse máis de 24 millóns e entregáronse case 70 vehículos»
Preto dun milleiro de voluntarios de Protección Civil, de toda Galicia e de Castela León, participaban en outubro do pasado ano no encontro que se celebrou en Nogueira de Ramuín e en O Pereiro de Aguiar. A próxima cita vén de camiño: «A xornada de convivencia deste ano será o 19 de outubro. Celebrarase en Ribadavia e Cortegada e participarán cincocentas persoas».
—No encontro do 2023 salientouse o feito de que Ourense foi a primeira de Galicia en ter un plan de emerxencias provincial.
—Foi un gran traballo no que se implicaron as administracións locais, a Deputación e a Xunta. O obxectivo é planificar as actuacións para atender a todos os ourensáns e que sexamos capaces de dar resposta rápida, nun tempo inferior a 20 minutos. Non pode haber cidadáns de primeira e de segunda, teñen tanto dereito os que viven nunha poboación grande como os que están en zonas de montaña.
—Con canto presuposto contan?
—Hai dous apartados. En equipamento, no que solicitan os concellos, aportamos uns 360.000 euros ao ano ás agrupacións. Faise en función das necesidades e xa houbo un investimento importante en todos estes anos. Logo está o de funcionamento. Dende o 2015 destinamos algo máis de 15 millóns de euros a material de emerxencias e aos GES 9 millóns. En conxunto máis de 24 millóns. Nestes nove anos entregáronse case setenta vehículos novos.
—A planta regasificadora de Maside supón un caso especial?
—Non. Nós o que facemos é simulacros, o último foi en maio, e dar información aos veciños de como teñen que actuar en caso dunha emerxencia. A empresa ten o seu propio plan e o Concello, que colabora connosco, o primeiro que fixo foi elaborar o seu.
Da lembranza do accidente do Alvia aos grandes lumes de Verín
Como corresponde a un bo fillo da emigración Olivier Reboredo Campos é un ourensán de Suíza. Realmente é un de Castadón (O Pereiro de Aguiar) pero nacido nunha das cidades máis emblemáticas do país no que estaba emigrada a familia: Basilea (Basel). Un cantón suízo que conta coa cidade que se gaba de ter un dos conxuntos históricos máis salientables de Europa. O neno Olivier estaba de volta no territorio familiar aos cinco anos.
O xefe de Emerxencias da Xunta de Galicia na provincia de Ourense é enxeñeiro de montes de formación —«Hai pouco que celebramos os 25 anos da nosa promoción os que cursamos os estudos en Lugo»— e leva un cuarto de século como funcionario da administración autonómica galega. Na súa actual responsabilidade está dende hai pouco máis de nove anos; foi en agosto do 2015 cando tomou posesión do cargo de Emerxencias.
Reboredo Campos é técnico de incendios e exerceu como xefe do distrito de Verín, e foi director do parque natural do Invernadeiro. Recoñece que este cometido é ideal para quen guste da natureza —«É un traballo gratificante e un espazo tranquilo e marabilloso. Aínda que optei por achegarme á cidade pola familia»—. Dos seus anos no campo de traballo no que se desempeña na actualidade lembra dunha forma especial o accidente do Alvia en Compostela: «Foi ao pouco de chegar ao servizo e fomos a traballar alí. Lémbroo como algo impactante, o que máis do que levo vivido, e ao mesmo tempo teño un gran recordo da implicación de todo o mundo e como a xente estaba moi entregada axudando. Logo, en colaboración co Imelga, tivemos que facer o reparto para entregarlle os corpos ás familias».
No apartado forestal no distrito de Verín tamén lle tocou unha etapa dura, cando lle cadraron os grande lumes que arrasaron a comarca de Monterrei no 2015. E os devastadores do 2017.
Recoñece Olivier Reboredo que o seu é deformación profesional cando se lle pregunta sobre a súa presenza en actividades de ocio. «Sempre miro onde están as saídas de emerxencia, con que medios contan, se están ben colocados os extintores... é algo que non podes evitar. A min gústame correr, antes facíao como afeccionado e agora só como ocio, e sempre miraba a organización da proba. E en base a iso ía clasificándoas, descartando volver a algunha por esa circunstancia». Correr, sobre todo na especialidade de montaña, segue a ser a súa forma de gozar do lecer fóra das súas responsabilidades profesionais.
Quen son.
«Unha persoa tenaz e implicada».