A Xunta repasa a historia da cidade nunha mostra na praza Maior

OURENSE

A exposición fai un recorrido, en 150 pezas, pola historia da cidade
A exposición fai un recorrido, en 150 pezas, pola historia da cidade Miguel Villar

Afundación acolle a exposición «Ourense no tempo», con 150 pezas emblemáticas

05 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1991 a Xunta de Galicia promoveu unha grande exposición no mosteiro de San Martín Pinario, en Compostela, sobre a arte galega. Galicia no tempo, comisariada polo daquela profesor da USC José Manuel García Iglesias, foi un proxecto que marcou un fito nas iniciativas vencelladas ao patrimonio e á historia da comunidade. Dende hai case que dous anos estase a desenvolver a iniciativa Cidades no tempo, unha proposta que comezou en xuño do 2022 en Compostela e que agora chega á cidade. 

A actividade está promovida pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, e conta coa colaboración de Afundación (Obra social Abanca). O proxecto conta con Manuel Gago como comisario xeral e en cada cidade onde se desenvolve hai un coordinador local, que no caso ourensán foi o arqueólogo José María Eguileta.

Ourense no tempo é unha macroexposición que ofrece un percorrido pola historia da cidade da man de 150 pezas e unha importante presenza de recursos audiovisuais. Dende as esvásticas atopadas no xacemento arqueolóxico de Santomé aos discos de pizarra da Coral de Ruada ou a actividade que se desenvolve dende hai décadas no Café Latino. O emprego dos soportes audiovisuais permite achegar ao visitante aspectos concretos da cidade —como a presenza das galerías ou o granito e a importancia da auga— ou mesmo poder coñecer polo miúdo o Pórtico do Paraíso, grazas á reconstrución dixital do mesmo. 

As augas termais xogaron un papel destacado na configuración primixenia do que logo foi a cidade de Ourense, e ese aspecto é o que recibe ao visitante á entrada da sala de Afundación: As Burgas, dúas aras —unha con evocación ao deus indíxena Reve e a máis coñecida, e xa posterior, que dá conta de Calpurnia Abana e o seu agradecemento ás Ninfas, deusas romanas das augas— e unha escultura alegórica de Acisclo Manzano.

O comisario de «Ourense no tempo», Manuel Gago, guiará a visita o día 15
O comisario de «Ourense no tempo», Manuel Gago, guiará a visita o día 15 Miguel Villar

O percorrido por Ourense no tempo ofrece ao espectador que se achegue ata a sala de Afundación a posibilidade de disfrutar de pezas de grande valor patrimonial e histórico que, en moitos casos, non están a disposición do gran público. A ventá da desaparecida capela de Santa Catarina de Reza Vella, que fala dos asentamentos relixiosos nas beiras do Miño; documentos destacados como o asinado por Alfonso III, Rei de León, restaurando a diócese de Ourense —ano 897—ou o asinado pola raíña Tareixa de Portugal —en 1122— no que concede á igrexa auriense a cidade para poboala e establecer unha feira mensual. 

Ferrocarril e anexión de Canedo

Entre outros aspectos abordados na mostra, que estará aberta ao público ata o 11 de maio, incídese na importancia do patrimonio relixioso, con pezas destacadas como as referidas á colección de Limoges da catedral de Ourense, de Cornelis de Holanda ou Castro Canseco. Ademais de documentos antigos sobre a configuración da cidade, e mesmo da contorna, tamén se incide na importancia que tivo a chegada do ferrocarril e o que supuxo para Ourense a anexión do municipio de Canedo —onde se concentraba o movemento de viaxeiros e os grandes recursos económicos derivados dos almacenistas da zona—.

En Ourense no tempo tamén figuran pezas como a primeira vista da cidade —do pintor Antonio Cendón—, o mítico pote creado por Malingre ou un cadro de Ocaña Martínez da antiga tenda de Adolfo Domínguez.

 No soto da sede expositiva de Afundación o visitante atoparase coas referencias sobre artistas ourensáns, a Comisión de Monumentos, as revistas e a prensa —do Tío Marcos da Portela a Nós, entre outras cabeceiras—, a presenza da música —cunha guitarra de Los Suaves e un contrabaixo e o luminoso do Café Latino— ou espazos dedicados a figuras como Ferro Couselo, Xaquín Lorenzo, Cuevillas, Otero Pedrayo, Risco, Casares, e Blanco Amor.

O conselleiro de cultura destaca o papel de nó de comunicacións clave en Galicia

O proxecto Cidades no tempo incide no papel das sete grandes de Galicia como espazos vertebradores e de dinamización da comunidade e o percorrido rematará coa mostra dedicada a Pontevedra, que se abrirá a finais de xuño. Na inauguración da exposición de Afundación participaron representantes da Xunta, Concello de Ourense e Afundación. No caso do Goberno galego foi o conselleiro en funcións de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, o encargado de abrir a mostra.

 Na súa intervención referiuse ás cidades da comunidade como termómetros culturais de desenvolvemento dun pobo e salientou que «son en si mesmas unha lembranza da nosa tradición e das súas sensibilidades e, como tal, alimentan a idea do que somos como pobo», apuntou. Tamén se referiu Román Rodríguez na súa intervención aos bens senlleiros sen os cales non se entendería a cidade: «A ponte romana, As Burgas, a catedral de San Martiño, o claustro de San Francisco, a praza do Ferro ou a ponte do Milenio son emblemas dunha cidade cunhas raíces moi fondas que foi avanzando sen rexeitar a súa historia», sinalou o conselleiro de Cultura. Un dos aspectos nos que incidiu de xeito destacado foi que Ourense no tempo contribúe a amosar a historia «dunha cidade clave nas comunicacións de Galicia, tanto cara o litoral da comunidade, como cara a Castela e Portugal. Reflíctense así na exposición as consecuencias de ser un nó de camiños, a través dos cales chegaron moitas influencias tanto no artístico como noutros eidos, sendo tamén a cidade exportadora das súas propias correntes», según Román Rodríguez.