Gratia plena, un novo festival para xuntar patrimonio, música e creación en feminino

La Voz

OURENSE

David de León, Anxo Lorenzo e Chus da Silva presentaron Gratia plena
David de León, Anxo Lorenzo e Chus da Silva presentaron Gratia plena xmr

A primeira edición do certame, que conta co apoio de Cultura, será os días 3 e 10 de marzo

27 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Días 3 e 10 • 12.00 horas • Capela do Santo Ángel • Ourense • A Fundación Santamarina-Temes e Shelly Art Management, co apoio da Consellería de Cultura, promoven un novo festival de música en Ourense. «Gratia plena» defínese como «un festival en feminino» e para botar a andar celebrará unha primeira edición na que se incluirán dúas actividades. O novo proxecto foi presentado no Liceo por David de León, presidente da fundación; Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura; e Conchi da Silva, responsable da iniciativa e coordinadora do Festival Pórtico do Paraíso.

As dúas actividades desenvólvense no entorno do 8 de Marzo para visibilizar o seu compromiso coa creación artística en clave feminina, como sinalou Conchi da Silva. O día 3 haberá na capela do colexio Santo Ángel de Ourense un concerto da pianista e compositora María Mendoza.

Unha semana despois contarase coa presenza de Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía, e José Manuel Dapena. Os textos da escritora mesturaranse cos acordes da guitarra de Dapena.

O presidente da Fundación Santamarina-Temes, David de León, sinalou que a institución estivo centrada nestes anos en ordear, catalogar e desenvolver todas as actividades administrativas propias dunha institución deste tipo e que agora chegou o momento «de abrirse á cidade e de acoller actividades como a que agora presentamos», sinalou David de León.

Anxo Lorenzo incidiu no feito de que dende Cultura consideraron como un valor engadido a creación dun proxecto que —como Gratia plena— compaxina a oferta monumental coa creación realizada por mulleres. Ademais, co engadido de dar a coñecer un patrimonio —a capela onde se desenvolverán as actividades— dunha gran riqueza e que aínda é descoñecida para os propios ourensáns. Tamén se referiu ao feito de que a Consellería «ten unha sensibilidade especial cos proxectos que se crean en Ourense e Lugo para potenciar o interior de Galicia», indicou o director xeral de Cultura. Haberá un aforo de cen prazas.