Os teus ollos seguen vendo este mundo

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

Santi M. Amil

04 feb 2024 . Actualizado a las 10:13 h.

Non hai consolo cando morre alguén que queres moito. Podes razoar que coa situación na que estaba era o mellor porque o outro só era sufrir ou que a rapidez do deceso evitou alargar a agonía. E podes aplicar a lóxica de que morrer é parte da vida, que desde que nacemos ese é o noso final e blablabla. Hai milleiros de argumentos perpetuados no tempo que buscan achegar alivio, pero o único certo é que é unha merda. Saber que non vas poder ver, bicar ou abrazar a quen queres é horrible. Non máis conversas, nin paseos, nin sorrisos... É un apertón no corazón que non pasa, que por veces afoga, que te rompe... A dor non se vai, pero aprendes a vivir coa nova situación. Porque a vida sigue e é marabillosa as máis das veces, aínda que tamén da golpes. Algúns demasiado fortes e demasiado pronto.

O que non acaba coa morte é o recordo. Esa é a arma máis poderosa que nos queda aos vivos. E tamén é a mellor homenaxe posible, creo eu, a quen xa non está. Que te lembren cun sorriso aqueles que tiveron a sorte de coñecerte e quererte di moito de ti; pero aínda máis claro está cando o fan aqueles que, sen nunca cruzarse contigo nin coñecer sequera o teu nome, saben que fuches unha boa persoa. E poden afirmalo con rotundidade porque ante a proposta de doazón nese momento tan difícil de saber que non habería máis conversas nin máis abrazos a resposta foi si porque sería o que ti contestarías se cho puidesen preguntar. O mellor consolo é pensar que eses ollos tan bonitos seguen mirando este mundo.