Comeza este mércores o obradoiro «Crea e decora un Nadal sostible» impartido por Xeitura
27 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A Biblioteca Nós está de clebración. Era o 23 de decembro do 2019 cando o daquela ministro de Cultura en funcións, José Guirao (Almería, 1959 - Madrid, 2022), inauguraba as novas instalacións do servizo no complexo cultural de San Francisco na compaña do daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Con motivo desta efeméride na mesma organizaron para este martes unha visita e a actuación do coro Cantiga de Ourense.
Unha cita que se sumou ao amplo programa de actividades que a Biblioteca Nós ten organizado para estas datas que coinciden coas vacacións lectivas. Entre as propostas propias das festas navideñas para rapaces comeza este mércores o obradoiro «Crea e decora un Nadal sostible». É unha iniciativa que está dirixida aos rapaces de entre 5 e 11 anos que se desenvolve en colaboración co colectivo Xeitura. A primeira quenda desenvolverase hoxe e mañá —nos dous casos a partir das doce horas— e a segunda será os días 3 e 4 de xaneiro —á mesma hora—.
Da imaxe á literatura
Clausurada a mostra sobre o conflito palestino israelí, a Biblioteca Nós mantén abertas ao público tres exposicións. Unha delas é sobre a cámara fotográfica e está no vestíbulo do edificio. A mesma permite ver a evolución das cámaras dende os inicios á era dixital e admirar a colección de Pablo Santiago González Prieto, quen hai uns días impartiu unha conferencia sobre este tema. A mostra poderá visitarse ata o día 9 de xaneiro.
No primeiro andar, e ata o 14 de febreiro, está a exposición sobre as obras que optan ao décimo sétimo Premio Novela Europea Casino de Santiago. As cinco que aspiran ao galardón son «La postal», de Anne Berest; «Os seres queridos», de Berta Dávila; «La ciudad de los vivos», de Nicola Lagioia; «Obra maestra», de Juan Tallón, e «Empezamos por el final», de Chris Whitaker.
Na sala infantil está a de «Novidades da literatura infantil e xuvenil publicadas no 2023» ata o 15 de xaneiro.
Xunto ás actividades propias para estas datas —como o xa celebrado obradoiro de Nadal con Sabela Gago— a Biblioteca Nós mantén o seu programa cotiá.
Actividades continuadas
Entre as propostas figuran citas como os clubs de lectura en varios idiomas, escrita creativa, cómics, novela negra, debate ou de cinema, entre outras.