O escritor presentará «A cabeleira (Fragmentos) (Poema en 70 idiomas)» o mércores no Liceo de Ourense
12 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O escritor lucense Claudio Rodríguez Fer é autor do poema galego máis traducido, «A cabeleira (Fragmentos)», que vén de publicarse en 70 idiomas. O acto de presentación do volume tivo lugar no Centro Ramón Piñeiro de Santiago de Compostela e, significativamente, unhas horas antes do Día Internacional da Tradución. Acompañaron ao autor Carmen Blanco, musa inspiradora da composición e ilustradora do poema; Armando Requeixo, crítico literario; Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; vinte e tres amigos e amigas do poeta e intelectuais que leron vinte e seis versións do poema; e, por suposto, un público moi variado e multicultural, de acordo co volume que se presentaba.
Os recitadores e as recitadoras que acompañaron nesta xuntanza multilingüe ó poeta, quen recitou a versión orixinal do poema, é dicir, en galego, foron: María Isabel Morán Cabanas (portugués), Nieves Herrero (asturiano), Larraitz Urruzola (éuskaro), Olga Novo (castelán), Dolors Perarnau (catalán), Francisco José Fernández Campo (occitano), María Lopo (francés), Cristina Marchisio (italiano), Adina Ioana Vladu (romanés), Cecilia Criado (latín), Laura Lojo (inglés), Tania Vila (alemán), Isabelle Kerdudo (bretón), Irene Doval Reixa (grego moderno), Veronika Gergely (húngaro), Ekaterina Yakovleva (ruso), Aleksandra Kaverina (ucraíno), Klaudia Warzycka (polaco), Anna Hozmanová (checo), Karolina Nohynková (eslovako), José Virgilio García Trabazo (curdo, armenio, sánscrito e persa), Noriko Fukushima (xaponés) e Cristina Fiaño (esperanto).
O recente volume publicado, «A cabeleira (Fragmentos) (Poema en 70 idiomas)», editado por Edicións Fervenza, conta con ilustracións da artista lucense Sara Lamas e coa cuberta deseñada por Carmen Blanco nuns fermosos tons negros e azuis que debuxan a cabeleira poetizada por Claudio Rodríguez Fer. Este presenta previamente ás traducións do seu poema unha memoria, idea na que lle insistiu Ana Bundgård, e que recompila toda a información sobre a vida do poema. Así, explica que o seu nacemento produciuse ó longo do verán do ano 1984 entre Fisterra, París e O Courel. O poema naceu como un proxecto máis longo do que, finalmente, o autor decidiu seleccionar os versos que forman a versión en tantas ocasións traducida, de aí o subtítulo «(Fragmentos)» da composición.
Tras reunir boa parte das opinións que lle mereceron a tradutores, tradutoras, lectores e lectoras da súa poesía, o poeta fai un repaso polas edicións políglotas anteriores, xa que logo esta é a cuarta. A primeira delas tivo lugar no ano 1995 cun total de catro idiomas. No 2015 presentouse en 31 linguas máis que na edición previa e tan só un ano despois desta o total de linguas ás que «A cabeleira (Fragmentos)» fora traducira sumaba xa a cifra de 60 idiomas. Esta duplicación de traducións en tan pouco tempo veu en parte motivada polos recitais multiculturais que se levaron a cabo por distintas partes do mundo, moitos deles coa presenza do poeta.
Ademais, na memoria poética de «A cabeleira (Fragmentos)» Claudio Rodríguez Fer fixa a identidade das persoas que colaboraron nos recitais, nas traducións do poema e na difusión dos mesmos en todas as linguas (ibéricas, románicas, clásicas, xermánicas, celtas, bálticas, urálicas, eslavas, indo-iranias, semitas, de Extremo Oriente, austronesias, americanas, africanas, artificiais, o albanés, o turco, o curdo e o armenio). Quizais de todas elas unha das que máis chame a atención sexa o rapanui, lingua en perigo de extinción con menos de dous mil falantes. Tamén un dos mellores símbolos do carácter de liberdade que transmite o poema, pois, algunhas das linguas ás que «A cabeleira (Fragmentos)» foi traducida puideron verse así, faladas e escritas, nun ámbito poético e académico cuxos usos lles foran irracionalmente vedados ata ese entón. Resulta tamén moi interesante poder ler o tipo de complicacións que puideron ter os tradutores e as tradutoras para traducir o poema en linguas nas que, por exemplo, o concepto «fragmento» non existe como tal, e como todos eles e todas elas conseguiron salvar eses obstáculos con éxito.
Porén, nada disto é alleo á traxectoria do poeta que, como director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, promoveu en tempos de pandemia o proxecto audiovisual «Valente en recital políglota». Sempre comprometido, o poeta lucense non só reflexa nos versos de «A cabeleira (Fragmentos)» a súa traxectoria persoal, senón que tamén expresa o sentir dun pobo que se universaliza con facilidade e que quizais por iso é tan susceptíbel de ser traducido, como xa o foi ao: portugués por Claudia Murici, asturiano por Xuan Bello, éuscaro por Ane Marcellán Arantzamendi, Antton Juaristi e Yurre Ugarte, castelán por Olga Novo, catalán por Marta Pessarrodona, occitano por Eric Fraj, francés por María Lopo, italiano por Ana Rosso, romanés por Ion Deaconescu, latín por Aurora López e Andrés Pociña, inglés por Diana Conchado, alemán por Regina Goeger, danés por Ana Bundgård, neerlandés por German Droogenbroodt, sueco por Märta Dahlgren, noruegués por Bergsveinn Birgisson, islandés por Herman Stefánsson, manés por Chris Sheard, gaélico irlandés por Juan Renales Cortés, gaélico escocés por Meg Bateman, galés por Risiart Hincks, bretón por Herve ar Bihan, Alan Botrel, Gwendal Denez e María Lopo, grego clásico por Stathis Papakonstantinou, grego moderno por Theodora Grigoriadou, letón por Inese ?rmane-Pei?a, lituano por jordana Glez e Julius Keleras, húngaro por Szabina Ughy, finés por Katariina Vesterinen, estoniano por Jüri Talvet, ruso por Serguey Stepanov, ucraíno por Aleksandra Kaverina, polaco por Marlena Zimna, checo por Katerina Vlasakova, eslovaco por Lucia Biznárová, serbio por Ana Pejovi, croata por Nikola Vuleti, búlgaro por Tsvetanka Elenkova, albanés por Bashkim Shehu, curdo por Urfan Kenî e Remziye Alparslan, turco por Írfan Güler e Pepa Baamonde, armenio por Sarkis Mahserejian (procurada por Lori N. Mesrobian), sánscrito por Dilip Jaiswal, hindi por Vikash Kumar Singh, bengalí por Sonali Datta, malayalam por Sanil Malikappurath Neelakandan, oriya por Saroj Kumar Mahananda, árabe por Fatiha Benlabbah, hebreo por Ellen Engelson Marson, yiddish por Jacinta Szlechtman, Julie Frohwirth, Lise Amiel Gutmann e Erez Lévy, xudeo-español (ladino) por Graciela Tevah de Ryba, persa por Tahereh Arabsaeidi, coreano por Sujin Lee, chinés por Zhou Wei, xaponés por Takekazu Asaka, quechua por Odi Gonzales, guaraní por Christian David López, crioulo de Guadalupe por Gary Peler-Hodge, crioulo de Martinica por Maeva Raspail, groenlandés (kalaallisut) por Jan Frederiksen, swahili por Félicien Ileka Gene, ioruba por Olakunle Sikiru e Manuela Aira, wolof por Yagamare Fall Diop, lingala por Marie-Henriette Lukebadio, bubi por Ciriaco Bokesa Napo, tamazight por Yassin Errahmouni e Boubker Outaadit, romaní por Markéta Hajská, indonesio por Yohanes Manhitu, rapanui por Blanca Tuki Tepano, e esperanto por Diana Conchado.
Este poema-proxecto multilingüe e multicultural que está vivo nos cinco continentes habitados, ademais de en Internet https://www.acabeleira.com/index.html;, é unha mostra máis do carácter plural e humano da poesía de Claudio Rodríguez Fer, así como del mesmo. Porén, tamén é mostra viva de como o galego continúa a rachar fronteiras e como se lle debe dar importancia a todas as linguas do mundo, así como reivindicar o labor dos tradutores e das tradutoras do seu poema.
Para rematar, compráceme anunciar que o vindeiro mércores 15 Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco, aos que terei o privilexio de acompañar, presentarán «A cabeleira (Fragmentos) (Poema en 70 idiomas)» no Liceo de Ourense ás oito da tarde.
O poema será recitado nunhas vinte linguas por distintas personalidades e, como novidade, poderase escoitar por primeira vez a versión aínda inédita de «A cabeleira (Fragmentos)» en barallete, a xerga dos afiadores de Ourense. Deste xeito, fecho o escrito coa seguranza de que alguén nalgún sitio do mundo agora mesmo está traducindo «A cabeleira (Fragmentos)» de Claudio Rodríguez Fer e que en pouco tempo serán máis de oitenta linguas nas que se poderá ler e escoitar o seu poema. Pronto serán noventa, cen, duascentas…