Moncho Borrajo suma a súa obra ao proxecto colectivo sobre a desaparecida Virxe do Cristal
OURENSE
O artista e humorista de Baños de Molgas participará cunha peza na mostra colectiva de Vilanova dos Infantes
07 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A Virxe do Cristal ten un lugar de seu na historia da literatura galega, na iconografía relixiosa e mesmo no audiovisual de Galicia. Tamén nas manifestacións da tradición mariana, ao ser unha das representacións máis singulares do mundo —polo seu pequeno tamaño—.Vencellada de forma senlleira ao corpus literario de Manuel Curros Enríquez, que lle dedicou un dos seus textos máis coñecidos, tamén ten sido materia literaria para autores como Méndez Ferrín.
A imaxe do século XVII leva desaparecida dende o ano 2015, data na que se sucederon os tráxicos sucesos do seu roubo e o asasinato do crego Adolfo Enríquez.
Agora estase a organizar unha mostra colectiva sobre a imaxe da Virxe do Cristal, proxecto promovido polo escritor Xosé Manuel del Caño e presentado o día 3 de xuño, cando o autor presentou o libro Ósos de santo en Vilanova dos Infantes. Na torre do burgo medieval de Celanova será onde se inaugure a exposición, o vindeiro día 14, e o artista Moncho Borrajo é o último en incorporarse —polo de agora— á iniciativa.
No museo de Baños de Molgas que leva o seu nome Moncho Borrajo fíxolle entrega a Xosé Manuel del Caño da obra creada para a ocasión. O humorista e pintor creou unha peza onde se pode ver á Virxe do Cristal rodeada dun vidro todo esnaquizado que simboliza a morte violenta do sacerdote Adolfo Enríquez. Máis de trinta artistas participarán na colectiva de Vilanova dos Infantes.