Laura Rodríguez Miranda: «A miña firma quedou agochada nun dos capiteis da catedral de Santiago»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Laura Rodríguez, cantera de Banga
Laura Rodríguez, cantera de Banga Santi M. Amil

A canteira e escultora está a recuperar a Torre do Olivar, en Toén

27 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Laura Rodríguez Miranda (Campo Lameiro, 1959) leva corenta anos falando coas pedras. Sabe como tirar delas o que non quere para convertelas en esculturas, coñece os seus males —e cal é o camiño para pór remedio— e ten man para crear as pezas e formas que precisa cando se fai necesario contar con novos materiais. Catro décadas dan para moito, e a mestra canteira ten traballado para empresas do sector, participado en proxectos con artistas, gañado concursos de obra pública por toda Galicia, organizado exposicións —individuais e colectivas— e tense desenvolvido no terreo patrimonial. O contacto con esta faceta da súa profesión é o que a mantén ocupada e ilusionada —«as cousas máis difíciles e complexas, o risco, é o que te motiva e o que lle dá un atractivo engadido a este traballo»— e nesa faceta leva pasado por igrexas, catedrais, pontes, pazos ou casas monumentais e moitos outros lugares. Na actualidad traballa na Torre do Olivar (Toén). Creada nos séculos XV-XVI a mesma estaba abandoada e forma parte da lista vermella da asociación Hispania Nostra.

—Cal é o proxecto que está a desenvolver en Puga?

—Unha parte estaba derrubada porque abriu a parede pola metade e había zonas en risco de caer. O noso cometido é recuperar a torre, levantar a parede, e logo xa outras empresas acometerán o seu traballo —botarlle unha cuberta e demais—. Pero iso xa non é responsabilidade nosa.

—Ten traballado nas catedrais de Compostela, Tui e Ourense.

—Nas de Santiago e Ourense. A Tui fun a cousas puntuais, nese proxecto foron outros compañeiros os que desenvolveron a obra.

—Que fixo na de Ourense?

—Alí estivemos ano e medio. Traballamos na zona que se acaba de restaurar —a fachada da praza de San Martiño— e actuamos no rosetón, as portas, a torre, a cúpula e outros espazos. Foi unha intervención importante porque había un arco grande que restaurar, retirar a celosía que pechaba a zona da vidreira, recuperar a escultura dun anxo e facer traballos de limpeza e saneamento. Agora falta que poñan a vidreira, que está encargada. E ante diso xa tiña traballado alí.

-Fai tempo?

—Cando o ciborio necesitaba arranxos e tamén fixemos, para a empresa Orega, a intervención no rosetón da zona de Juan de Austria —a fachada norte da catedral—. Alí houbo que modificar algunhas pezas porque estaban moi deterioradas. Pero neses cometidos o meu compañeiro David Soengas é un artista e dá resposta e solución ao que sexa preciso.

—Canto tempo estivo na de Compostela?

—Alí botei catro ou cinco anos porque traballei en moitos sitios: na catedral, en San Frutuoso, Ánimas, na Colexiata do Sar, na Casa do Deán, nunha ponte, nas fontes do convento das monxas que dan á Quintana e en pequenas igrexas e capelas de pobos da contorna. Seguro que nalgún sitio máis que non lembro.

—Onde traballou na catedral?

—Fixemos a torre sur, a segunda torre, todo o interior do ciborio, a cúpula da torre sur, as bóvedas do Pórtico da Gloria, os tellados e outros traballos.

—Meter o martelo e o cicel no territorio do Mestre Mateo impón?

—Non. Hai unha dirección de obra e unhas directrices de Patrimonio e nós facemos o que nos din. Nós somos os da pedra, os da cantería, e non sempre estás de acordo ao 100 % con Patrimonio pero eles mandan. Tamén é certo que ás veces piden consello porque son cousas complexas e non sabes co que te vas atopar.

—É certo que deixou a súa pegada na basílica de Compostela?

—Os canteiros de antes tiñan as súas marcas e eu manteño a tradición. Chámalle romanticismo se queres. Fágoo en pechado, onde non se pode ver. Escondida, pero alí está. A miña firma quedou agochada nun dos capiteis da catedral de Santiago. A cruz de Caravaca e unha estrela son os meus sinais.

«Ás veces hai sorpresas, como cando descubrín a escultura medieval en Compostela»

Dende os seus 64 anos e camiño dunha xubilación que agarda, sen présa, para poder dedicarlle o tempo que precisa aos seus proxectos pendentes e á paixón pola cerámica a mestra canteira lembra as etapas de exposicións, as obras coas que se vai atopando polo camiño, o moito que gozou co postgrao de restauración e o mundo da recuperación dos retablos e as pinturas.

—Ten moita obra pública?

—Hai pezas miñas en Bueu, Barbadás, Cabeza de Manzaneda, Amoeiro, Ourense, Rodeiro, Oleiros e non sei onde máis. Houbo un tempo no que me encargaban moitas pezas, porque traballaba cunha persoa que xestionaba os proxectos, e tamén mandei para fóra.

—Hai traballos dos que garda especial lembranza?

—Si, pezas como a do Araguaney —levei o primeiro premio daquel concurso—, Burela ou Cangas porque foron propostas persoais. Tamén a pulpeira do Carballiño, pero iso xa é diferente porque é unha recreación.

—Escultura ou patrimonio?

—Cada cousa ten o seu momento e convén cambiar de cando en vez para non aburrirse. Agora gozo moito coa cerámica. No inverno é o mellor momento, porque non tes que estar fóra como coa pedra. Teño un forno na casa e cada vez dedícolle máis tempo.

—Complicouse algún encargo?

—Cando traballas no patrimonio sempre poden aparecer problemas ou situacións coas que non contas. E ás veces hai sorpresas, como cando descubrín a escultura medieval en Compostela. Foi cando estabamos traballando o meu compañeiro Anxo, un canteiro de Baiona do que non lembro o apelido, e máis eu nuns habitáculos que baixaban ao Pórtico da Gloria e atopamos as pezas, entre elas esa grande sen cabeza e de case dous metros, do Mestre Mateo.

De atoparse cunha profesión ao legado dos canteiros da familia

Laura Rodríguez Miranda rematou sendo canteira por circunstancias da vida. Aínda que ao mellor non foron tales e o legado familiar algo tivo que ver. Á Escola de Canteiros de Poio foi de casualidade, acompañando ao seu marido Manuel Freire, que era quen tiña claro que desexaba formarse para dialogar coas pedras. Ela viña doutro sector: eran os tempos nos que as salas de bingo empezaron a ter protagonismo na sociedade, logo de estar prohibido o xogo no franquismo. Unha amiga convenceuna para traballar nun bingo de Marín, mais non puido. «Daquela a maioría de idade era aos 21 anos, e non os tiña. Cando baixaron aos 18 xa me puxen a traballar». Logo duns anos pechou e foi daquela cando ela, que estaba no paro, comezou a ir pola Escola de Canteiros de Poio. «Levaba comigo á nosa filla Iria, que tiña tres anos, e empecei a facer cousas por alí. Logo déronme unha beca da Deputación de Pontevedra e xa me empecei a formar. A min colleume o cambio de etapa, e en lugar dos tres —o que duraba cando principiei— tiven que facer cinco anos».

Da escola pasou á empresa. Así foi como chegou ao Carballiño a finais dos 80. Un empresario do pobo quería crear unha de cantería, Arpisa, e Manuel Freire presentouse cando tivo coñecemento da oferta. O dono díxolle que contaba con el e preguntoulle se coñecía a algún tallista: «Si, téñoa no coche», respostou o canteiro. Viviron moitos anos en Moldes (Boborás) e agora están radicados en Banga (O Carballiño).

Houbo un tempo en que Laura Rodríguez Miranda mantinou en irse a Estados Unidos. O seu compañeiro estaba en Washintong «traballando no Capitolio e noutros encargos que tiñan os empresarios de Soutelo de Montes. Primeiro non me deron a visa e logo, cando xa a tiña, non podía ir coa cría. E foi cando Manolo decidiu volver. Tamén barallamos no seu día marchar para Italia, pero ao final fómolo deixando e non o fixemos».

Desenvolveu moitos proxectos con Acisclo Manzano e mesmo os tres chegaron a ter unha sociedade. «Vémonos con frecuencia e sempre falamos, temos moito trato». Para Quessada traballou nun grupo escultórico que o artista ideou para o Monte da Curota, na Barbanza. «Aquilo era un mundo de traballo e tiven que andar buscando compañeiros para que viñeran axudar. Teño o boceto na casa. Como Quessada e Iria naceron o mesmo día do ano regaloullo á miña filla».

Descendente de varias xeracións de artesáns —«houbo moitos na miña familia: o meu avó, o bisavó... O avó da miña bisavoa traballou moito pola zona de Carballo»—, a mestra canteira ve con mágoa como estes non son bos tempos para a profesión.

Quen son.

«Unha persoa con moita vontade. Alguén que se crece nas dificultades. Na casa din que cando mellor traballo é baixo presión. En lugar de acovardarme gústame ser máis arriscada, máis forte, non son de estar laiándome. Rexurdir e saír para adiante son facetas que me definen».