Homenaxe a Arcadio López-Casanova na Festa da Palabra da Insua dos Poetas

La Voz OURENSE

OURENSE

Festa da Palabra en la Insua dos Poetas
Festa da Palabra en la Insua dos Poetas Agostiño Iglesias

Esta edición enxalzará a figura do escritor lucense 

28 jul 2023 . Actualizado a las 18:06 h.

A Insua dos Poetas, en Madarnás (O Carballiño), acolle este sábado, a partir das 11.30 horas, unha nova edición da Festa da Palabra. Este ano estará dedicada a Arcadio López-Casanova, histórico poeta e ensaísta lucense da xeración dos Novísimos que faleceu en abril do ano pasado. Á súa mesma xeración literaria pertencían escritores de renome como Manuel Vázquez Montalbán, Antonio Martínez Sarrión, José María Álvarez ou Félix de Azúa. Ó longo da súa carreira gañou numerosos premios, entre os que destacan o Adonáis de poesía ou o posto que acadou de finalista no Premio Nacional de la Crítica Española.

Entre os seus títulos máis citados, tanto en castelán como en galego, están Mesteres, La oscura potestad ou Liturxia do corpo. A xornada estará amenizada polas agrupacións musicais Aurum Ensemble e Airiños de Candelas.

Neste acto entregaranse os premios Insua dos Poetas 2023. Este mesmo xoves decidíase que o galardón á creación literaria será para Concha Blanco, por ser pioneira da literatura infantil e xuvenil en galego. Ten publicadas 52 obras individuais e 28 colectivas e recibiu no 2008 o premio Pura e Dora Vázquez da Deputación. No apartado de creación artística o premio será para o fotógrafo Xulio Gil, do que destacan a súa última exposición titulada Símbolos do conflito. Como iniciativa cultural a Insua dos Poetas destaca a Festa da Istoria de Ribadavia; e na defensa do medio ambiente, o traballo da Fundación Eira. A familia Fragoso Pegito recibirá o premio cultura galega na emigración, pola súa defensa, dende Arxentina, da lingua e tradicións da súa terra. O colectivo deportivo destacado é o Club Deportivo Arenteiro e, no apartado de acción social, a Federación Down Galicia.