José Ramón Rodríguez, presidente da D.O. Valdeorras: «Queremos que os nosos viños estén nos mellores restaurantes do mundo»

María Cobas Vázquez
M. Cobas O BARCO

OURENSE

José Ramón Rodríguez é o presidente da D.O. Valdeorras.
José Ramón Rodríguez é o presidente da D.O. Valdeorras. LOLITA VÁZQUEZ

É un habitual na feira coa adega Joaquín Rebolledo, mais este ano será especial porque é a primeira como presidente

07 jul 2023 . Actualizado a las 13:33 h.

Habitual na Feira do Viño de Valdeorras como responsable xunto coa súa muller da bodega Joaquín Rebolledo, a cita desta fin de semana será especial para José Ramón Rodríguez. Esta será a súa primeira ver como máximo responsable do organismo vitícola, que preside desde o pasado mes de marzo.

—¿Impón máis así?

—É un reto. Ao final organizar unha feira, aínda que eu non o fago directamente, pero estar ao fronte de tomar as decisións, sempre é un reto.

—Insistiu na presentación no traballo en equipo.

—Si. Dentro do pleno fixemos unha comisión para a organización da Feira do Viño, non é só unha cousa persoal que eu tomo as decisións, senón que son colexiadas co sector.

—¿Que reto, máis alá de que vaia a xente e o pase ben?

—Iso é o fundamental nunha feira popular que ademais é a nosa. É como cando celebras a festa da casa, sempre queres quedar ben e que a xente o pase ben e desfrute. Este ano traemos a un grupo de periodistas, xeralistas e de prensa especializada en viño, para que se fale dos nosos viños máis alá das nosas fronteiras.

—Falaba tamén no acto de presentación de que queren abrir novos mercados, ¿cales?

—Queremos que os nosos viños estean nos mellores restaurantes do mundo.

—¿Como van nesa liña?

—Estamos empezando a deseñar unha serie de accións. Para iso temos outra comisión, de aí que insista na idea de equipo, para que todos esteamos a gusto coas novas campañas que estamos preparando desde o consello regular. Hai que retomar o tema das presentacións [que paralizou a pandemia do coronavirus], tanto a nivel galego como nacional, para intentar posicionar os nosos godellos e mencías, que son espectaculares, en sitios de referencia. Queremos construir marca para os nosos viños, unha laboura na que imos traballar arreo nos seguintes anos. Queremos situar os nosos viños en novos mercados, que constitúen novos territorios, que participen en diferentes concursos e catas de renome porque estou seguro de que serán moitos os premios que reciban. Temos brancos e tintos marabillosos e cada vez máis demandados. Tampouco imos escatimar esforzos en axudar aos membros do sector vitivinícola en todas aquelas demandas que nos transmitan, actuando de enlace para defender os seus intereses perante as diferentes administracións.

—Empeza catro anos de mandato así que xa se sabe que lle vai tocar a edición número 25, que é un deses números especial. ¿Xa teñen algo pensado?

—De momento non. Si que sempre falamos da feira do ano que vén, pero de momento aínda non temos nada deseñado.

—O que está collendo moita transcendencia é o concurso de carteis, porque chegan xa de toda España.

—Si, a verdade é que é un acerto, porque ao final recibimos máis de 50 propostas de ámbito nacional. A min sorprendeume, esperaba que fora algo máis local e vexo que ten máis repercusión da esperada. E quedou súperchulo. É un cartel moi limpiño, con elementos que despois se poden aplicar moi ben á cartelería, resaltando o papel da muller.

—En Joaquín Rebolledo son dos habituais da feira.

—Desde sempre. Paramos un par de anos cando foi o cambio traumático da Rúa ao Barco, pero sempre estamos. Somos dos fixos aí. Creo que é algo no que hai que estar. Somos Valdeorras e é a nosa festa, aínda que é máis traballo, perder unha fin de semana... Pero estamos en Valdeorras e temos que facer comarca. Somos un grupo de 18 adegas que sempre vamos, máis ou menos, e vai entrado algunha nova.

«A colleita vai ser moi boa e abundante»

Aínda que a fin de semana que entra é para gozar entre amigos e falar con outros adegueiros e tamén cos clientes, as adegas viven a feira coa mirada posta sempre no viñedo. Falta pouco máis de mes e medio para que comece unha nova vendima e toca estar pendente do viñedo e do tempo para que todo siga o seu curso e nada se torza. Aínda falta para que viticultores e temporeiros comecen o traballo entre cepas, pero as expectativas son boas, asegura o presidente do consello regulador, José Ramón Rodríguez.

—¿Como se prevé a colleita deste ano?

—Houbo moitas enfermidades, de mildeu e oidio, que en Galicia somos especialistas. Pero hai unha colleita moi boa, creo que vai ser abundante.

—¿Vai ser máis madrugadora que no 2022?

—Cre que máis ou menos como o ano pasado, dáme a sensación que pouca diferenza vai haber. O ano pasado había moitísima seca e adiantouse; pero os ciclos cada vez comezan antes. Comeza antes o ciclo de nacemento na vide, o choro do zume e iso ao final marca a data de vendima. Creo que para finais de agosto vai haber adegas vendimando, máis ou menos como o ano pasado.

—Uns traballos nos que son fundamentais as mulleres e que este ano pon en valor o cartel.

—Si. A eleccións gustoume moitísimo. Pon en valor o traballo da muller rural, imprescindible na elaboración do viño e particularmente relevante na nosa comarca.

—Os asistentes non van notar a inflación na Feira do Viño.

—Non. Mantivemos os prezos do ano pasado. Os cataviños custan dous euros, ao igual que as degustacións. E hai paquetes con desconto. Esta é unha fin de semana para que a xente o pase ben e probe os viños con moderación (ri). Música, cultura, gastronómica e oferta para os cativos daranse a man na programación que imos despregar durante a feira.

—É presidente nun momento tranquilo, non hai ou non transcenden problemas no consello regulador como si houbo noutros tempos.

—Hai moita paz social. Todo por consenso e a maioría das cousas sácanse por unanimidade. Hai que remar todos no mesmo sentido aínda que teñamos visións diferentes, porque iso é normal. Unhas veces toca ceder a uns e outras veces a outros, e non se trata de impoñer nada, que as imposicións non funcionan.