A xornalista de La Voz Tamara Montero reinvidica a cultura ao recoller o Premio Carracedo

OURENSE

Rosendo Fernández entregou o premio Carracedo a Tamara Montero
Rosendo Fernández entregou o premio Carracedo a Tamara Montero Santi M. Amil

A redactora da delegación de Santiago foi recoñecida co galardón da Deputación de Ourense por unha reportaxe sobre A Cidade da Selva, de Casaio

05 jun 2023 . Actualizado a las 23:38 h.

A Cidade da Selva é un espazo da memoria histórica que se ten convertido nun fermoso e recoñecido proxecto que se reivindica en todos e cada un dos traballos que se van desenvolvendo sobre o lugar. Nos cumios de Casaio, na comarca de Valdeorras, atoparon refuxio os que se botaron ao monte para salvar a vida -obxectivo non conseguido en moitos dos casos- e loitar para derrubar ao réxime ditatorial de Franco. A estratexia era clara: logo da vitoria dos aliados na Segunda Guerra Mundial o obxectivo seguinte dos mesmos era Franco, mais iso non aconteceu e os membros da federación de guerrillas que tivo a súa sede nos cumios de arriscado acceso de Casaio remataron morrendo en enfrontamentos coa Guardia Civil, entregándose, ripándose a vida ou fuxindo cara ao exilio a través de Portugal ou de Francia. A Cidade da Selva foi, de sempre, un lugar de referencia na memoria colectiva: falábase dela, da súa importancia na loita contra o franquismo, e os seus datos ían percorrendo serodios por diferentes publicacións. Memorias de fuxidos que conseguiron escapar, como Mario de Langullo, testemuñas dalgúns represaliados e a tradición gardada na memoria oral. Mais sempre de forma tanxencial e sen moita concreación sobre a vida no monte e a loita contra o inimigo.

Hai anos foron mudando as cousas, e empezaron a desenvolverse traballos de investigación que teñen permitido atopar materiais, espazos habitados, recuperar datos e mesmo descubrir restos patrimoniais dos que non se tiña coñecemento. Tamén chegou A Cidade da Selva ao audiovisual, mediante documentais sobre o lugar e o acontencido logo dos anos da Guerra Civil. A nova etapa veu da man do proxecto Sputnik Labrego. E sobre o espazo máxico dos montes de Valdeorras e a recuperación da memoria histórica falaba o artigo «Casaio, a cartografía invisible da guerra», unha reportaxe da xornalista compostelá Tamara Montero publicado en La Voz de Galicia o 22 de setembro do 2021. E foi precisamente ese traballo, no que tamén se incidía na necesidade da recuperación do patrimonio industrial galego, o escollido polo xurado do Premio Xosé Aurelio Carracedo como o mellor dos presentados a última convocatoria, a do pasado ano. 

Tamara Montero recolleu o galardón nun acto desenvolvido na Deputación de Ourense, entidade que acordaba en 1988 crear o premio como homenaxe ao xornalista ourensán que falecía unhas semanas antes en accidente de tráfico na estrada N-525. Xosé Aurelio Carracedo, que estivera na delegación de Ourense, traballaba daquela na redacción de  La Voz de Galicia en Santiago de Compostela.  

Nunha emotiva intervención, a premiada recoñeceu que recibir o premio era un reencontro coa memoria de Carracedo. Do xornalista ourensán tiña razón por un recorte de prensa, amarelo xa polo paso do tempo, que se atopa nun dos taboleiros que hai na delegación compostelá do xornal. Reivindicou Tamara Montero, que desenvolve o seu traballo na sección de Sociedade e Cultura de La Voz de Galicia, a importancia do xornalismo cultural e o peso do mesmo para mudar as cousas. Fixo un recoñecemento público para os seus compañeiros, «nestes momentos de crise bastante profunda na profesión», para os que traballan con ela no día a día na redacción de Compostela e para o colectivo en xeral. Tivo «un recordo especial» para os que nestes anos lle foron ensinando «como titular, facer as cousas con rigor, a importancia das fontes e contar as historias de maneira que sexan máis atractivas para o lector». Reivindicou a importancia social de facer un bo xornalismo «todos os días e o mellor que podamos». 

O xurado que concedeu o trixésimo segundo Premio Xosé Aurelio Carracedo salientou do artigo «Casaio, a cartografía invisible da guerra» a súa condición de ser «un exemplo do que debe ser unha reportaxe, misturando o estilo xornalístico co máximo rigor». Tamén se referiu, segundo consta na acta lida na entrega pola deputada Patricia Torres -que felicitou persoalmente á galardoada na súa condición de compañeiras de carreira en Xornalismo-, ao feito de que Tamara Montero amosa no seu traballo «oficio e talento para mesturar voces nun exercicio polifónico que ofrece unha nova mirada sobre as feridas da Guerra Civil, a posguerra e a necesidade de blindar a nosa memoria colectiva, incidindo neste caso no patrimonio industrial do país».

Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación e persoa na que recaeu a presidencia no acto en ausencia de José Manuel Baltar, lembrou que a institución creou o premio e fai entrega do mesmo coincidindo co día da liberdade de prensa para fortificar o compromiso co xornalismo de calidade e coa celebración da data. Lembrou a Xosé Aurelio Carracedo como un «xornalista de raza» e leu parágrafos do artigo «Unha estirada felina», de Carlos Casares. O mesmo foi publicado polo desaparecido escritor ourensán en La Voz de Galicia o 4 de xullo de 1995 e no mesmo o autor lembraba ao xornalista na súa condición de compañeiros de pupitre. Recordaba daquela Casares os desexos dos dous rapaces: o modelo de Carracedo era o porteiro do Real Madrid Alonso, do que gardaba unha fermosa foto dunha estirada na que o mesmo voaba polo aire para atallar un balón que se coaba pola escadra. Desvelaba Casares que Carracedo estaba engaiolado polo aspecto literario da imaxe, xa que no texto facíase referencia á «portentosa estirada felina» de Alonso. O autor de «A Galiña Azul» quería ser poeta naquela altura, e o seu compañeiro de pupitre fíxolle a chiscadela de escribir na marxe do libro de texto «unha pequena biografía co meu nome, libros inventados e unha vida fantástica». Unha iniciativa que, confesaba Casares, o fixo sentir feliz.

Clara Carracedo, irmá do homenaxeado, agradeceu á Deputación de Ourense ter creado no seu día o premio e manter viva a memoria do seu irmán.

Tamara Montero Barreiro (Compostela, 1985) é licenciada en Xornalismo pola USC. Dende o ano 2008 traballa para as seccións de Cultura e Sociedade de La Voz de Galicia. Entre outros, ten recibido o Premio Fernández del Riego de Xornalismo de Opinión e unha mención especial do Pérez Lugín de Periodismo.