Rosa Álvarez, actriz: «Eu só teño recordos bonitos nesta profesión e agora vivo deles»

María Doallo Freire
maría doallo OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Rosa Álvarez vive dende fai uns anos na súa casa de Ribadavia
Rosa Álvarez vive dende fai uns anos na súa casa de Ribadavia Santi M. Amil

A intérprete vén de recibir o premio da Academia Galega de Teatro

05 jun 2023 . Actualizado a las 10:10 h.

A actriz Rosa Álvarez Cabo (Carballeda de Avia, 1950) descubriu ben nova que quería ser actriz. Pasou por alto as prohibicións dos seus pais, que non a deixaban ser artista, e dende nena aprendeu a loitar polos seus soños como fora. Logo coñeceu a Ernesto Chao, con quen ademais de compartir a vida compartiu vocación: a interpretación. Unha enfermidade arrancouno do seu lado no 2018. No 2021 morreu o seu fillo, Mauro Chao. Aínda que houbo golpes durísimos, a vida de Rosa Álvarez estivo chea de aplausos, de proxectos ilusionantes e tamén de premios. O último é o que lle vai conceder a Academia Galega de Teatro pola súa traxectoria e pola loita cara a dignificación da profesión teatral. Entregaranllo o 21 de xullo en Ribadavia no marco da MIT.

—A concesión deste premio reza «pola súa dilatada carreira, sempre na procura da excelencia artística», como se consegue chegar aí?

—Penso que hai algo de maxia e moito traballo. Non parei de estudar e de aprender de moitísimos profesores. A maioría de actores da miña xeración fomos autodidactas así que eu dedicábame a apuntarme a cada curso que atopaba xa fose impartido por un arxentino ou por un ruso, dábame igual. Era unha marabilla. E de todo iso saíu esta actriz que tiven a sorte de ser e con ela encarnei a uns personaxes moi bonitos. Puxen toda a miña forza e a miña alma neles e creo que esa foi sempre a clave do meu éxito.

—De onde lle veu a vocación?

—Empecei aos 16 anos co grupo Abrente en Ribadavia. Aquí entroume o gusanillo de que esta era a miña vocación. Recordo que entón lles dixen aos meus pais que me quería ir a Madrid a estudar Arte Dramático e contestáronme que marchara para habitación se non quería unha azoutada. Pensaban que isto non era un traballo e que estaba cheo de xente de malvivir, pero eu seguín, porque sempre fun unha contestataria, e funme formando como puiden.

—Como foron os inicios?

—Eu só teño recordos bonitos e agora vivo deles. Aos vinte anos coñecín a Ernesto e marchamos a Vigo. Primeiro estiven un tempo con Maximino Queizán. Logo chamáronnos da compañía Artello e fixemos uns espectáculo fantásticos. Sobre todo un deles que revolucionou Galicia e que escribimos xunto a Méndez Ferrín, Celtas sin filtro. Con esa obra xiramos por toda a comunidade e comezou a nosa traxectoria profesional como tal. Logo pasei por moitísimas compañías galegas, incluído o CDG. Diría que me tratou ben o teatro e eu procurei tratalo así tamén de volta, quero dicir, facer o mellor traballo posible para o público. Desexo que non morra nunca o teatro porque sinto que é a alma da sociedade, entre outras moitas artes, pero esta é a miña predilecta.

—Tivo que aprender a seleccionar os proxectos e a dicir que non ou foi máis das que se apuntaba a todo?

—Creo que non lle dixen que non a ninguén porque sempre me ilusionei con cada proposta que me chegaba. Buscáballe a alma a cada personaxe e investigaba. Se era unha pescantina, ía a praza de Santiago e observaba a esas mulleres traballar. Sempre saquei algo bo de todos os proxectos. Só teño unha espina aí, dun espectáculo que fixen que me horrorizaba facelo e era como un pesadelo subir ao escenario. Ata me saían as cores.

—Como valora o seu traballo coma directora?

—Fun moi feliz desenrolando esa faceta. Arrisqueime a dirixir e penso que me saíron tres espectáculos chulos, sobre todo, porque foron con compañeiros (tanto actores como técnicos) marabillosos. Todo foi grazas a Ernesto que me animou moitísimo a facelo para a nosa compañía, Lagarta Lagarta, porque eu pensaba que non era capaz e mira, ao final conseguímolo, coma sempre. Só de recordalo éntranme ganas de chorar.

—Por que viron a necesidade de montar Lagarta Lagarta?

—Estabamos vendo unha función que se chamaba Cartas de amor, de Avelino González e Mabel Rivera, nunha sala de teatro pequena en Santiago. Era unha sesión única e deunos moitísima pena que morrese aí, así que decidimos crear unha compañía e producila. Estivemos seis anos coa compañía, ata que Ernesto empezou a enfermar e eu xa soamente tiña o meu corpo e a miña alma para el.

 Filla adoptiva de Ribadavia e descuberta por Chano Piñeiro

Aínda que Rosa Álvarez naceu en Carballeda de Avia, comezou a súa andadura teatral en Ribadavia, localidade na que vive de novo dende fai dous anos. No medio pasou tempo en case todas as provincias de Galicia por traballo. O seu tema de conversa favorito é o teatro, ou o cine, ou a interpretación en si.

—Que supón recibir este premio en Ribadavia e que significa O Ribeiro na súa vida?

—Faime moita ilusión que mo veñan dar aquí porque eu pasei tanto tempo fóra de Ribadavia que isto é como pechar o círculo. Aquí comecei con Abrente e aquí remato co premio da Academia de Teatro Galego cando xa estou retirada. Só hai unha pequena abertura que me permitiría saír e sería ter que pelexar por algunha cuestión que necesite de min o teatro.

—Hai algún recuncho da vila que sexa especial para vostede?

—Encántame a rúa dos soportais que hai xusto fronte a igrexa da Magdalena.

—En Ribadavia terá algunhas das lembranzas máis bonitas co seu home, Ernesto Chao, non si?

—El sempre facía o posible por vir e tamén por meter Ribadavia en calquera guión. Nótase moitísimo sobre todo en Pratos combinados. Quería falar do seu pobo e conseguía que lle deixaran. Estivemos toda a vida xuntos e dedicándonos ao mesmo así que Ernesto é unha parte do meu corazón que está aí aínda sen cicatrizar e nunca cicatrizará.

—Que foi o último que foi ver ao teatro?

—É un pouco penoso pero a resposta é a última función que fixen. Veume buscar Eduardo Alonso polas orellas e sacoume da casa para interpretar un personaxe en Las vírgenes salvajes e a verdade é que me gustou moito a experiencia.

—Gústalle o cine coma espectadora?

—Claro que si e gustaríame dicir que para min foi importantísimo, para dar o salto como actriz, que Chano Piñeiro me chamase para facer o meu primeiro mediometraxe, Esperanza (1986). Iso foi definitorio na miña vida e ademais eu admiraba moitísimo a Chano, teño lembranzas preciosas con el.

—Que afeccións ten hoxe en día ademais das artes escénicas que son traballo e vocación?

—Ningunha. Agora dedico os días a pampear, como digo eu, a non facer nada, pensar nos meus e estar tranquila. Fai pouco rompín as dúas cadeiras e estou recuperándome así que tomo a vida con moita calma.