
Municipios coma Barbadás, Ribadavia ou O Carballiño xa teñen toda a programación lista para conmemorar a Fernández del Riego
09 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A provincia de Ourense celebra o Día das Letras Galegas na honra de Francisco Fernández del Riego con diferentes actividades en cada municipio. En Barbadás organizan a segunda edición dunha foliada popular que terá lugar o propio 17 de maio, unha cita imprescindible para os amantes da música e a cultura galega. A programación comezará ás 12.00 horas co desfile pola avenida de Celanova das Bandas de Música da Escola Municipal e Nova Fronteira. A continuación dará comezo o concerto da Banda de Música Cultural de Barbadás. Para os que desexen seguir desfrutando do son, haberá unha sesión vermú, ás 14.00 horas, na que o grupo Cuncas do Son se encargará do ritmo. A partir das cinco da tarde, o público poderá gozar dunha demostración de música tradicional con Velaivai, Pandereteiras Vagalumes e As Lambisqueiras. A xornada rematará ás 19.30 coa actuación da charanga BCB e unha gran queimada. Ao longo de todo o día, haberá tamén xogos tradicionais e unha feira de artesanía non parque dos Carrís.
En Ribadavia a programación arrinca o día 14, cun encontro de escritoras ás 12.30 horas na Casa do Concello, que contará coa intervención de Malores Villanueva e Roberto Pascual, entre outros. Ás 20.00 horas tocará desfrutar da obra de teatro «Relatos da fin da era humana». O día 16, Ana Abad presenta o libro «A nunca vista», ás 20.00 horas na Casa da Cultura. Xa o día grande, o 17, comezará cun pasarrúas do grupo de baile e música Tradicional Sadeo, que dará paso á conmemoración do 50 aniversario da primeira Mostra de Abrente.
En O Carballiño a programación cultural para festexar as Letras Galegas extenderase durante todo o mes. Esta semana, o xoves, organizan dende o Concello a pintada dun mural conmemorativo de Fernández del Riego. A actividade será ás 12.00 horas na rúa da Carreira e contará coa actuación do alumnado e profesorado do Conservatorio carballiñés. O martes 16 darán un concerto ás 20.00 horas no Auditorio Manuel María.