O Barco liberará máis de 400 libros en comercios e bares polo Día das Letras

María Cobas Vázquez
María Cobas O BARCO

OURENSE

Margarida Pizcueta presentou o programa de actos polo Día das Letras.
Margarida Pizcueta presentou o programa de actos polo Día das Letras. CEDIDA

A programación inclúe cine, teatro, maratón de lectura, conferencia e un concurso de podcast

05 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Coa imaxe da festa rachada de Córgomo na retina», Margarida Pizcueta, a concelleira de Cultura do Barco deu a coñecer o programa organizado con motivo do Día das Letras. O 17 de maio desde 2023 xa non é o día de Florencio Delgado Gurriarán, pero si dun bo amigo seu. E precisamente nesa conexión do poeta valdeorrés con Francisco Fernández del Riego é que xiran boa parte das actividades previstas. A primeira será o día 15 ás oito da tarde no salón multiusos, cunha conferencia titulada Os homes das letras, a cargo de Ramón Nicolás e Ricardo Gurriarán. Tamén sobre esa amizade xira o concurso de podcast Don Paco en Liña, dirixido aos escolares. «Levamos máis dun mes traballando cos gabinetes de dinamización lingüística dos centros de ensino», destacou Pizcueta. O xoves 18 ás 10.30 horas haberá una gala de entrega de premios. A aula gañadora irá de viaxe a Lourenzá, a terra natal de Fernández del Riego.

O martes 16 e o mércores 17 haberá una solta de libros. O Concello liberará ata 400 exemplares, nunha actividade que farán en colaboración co centro comercial aberto. «Farase a unha hora determinada. E quen estea no local nese momento será agasallado cun libro», explicou a concelleira. O martes será nas tendas e o mércores nos locais de hostalería. Ademais, o 16 ás oito da tarde no Teatro Lauro Olmo, o Conservatorio e a Escola de Música ofrecerán o primeiro Concerto das Letras. A entrada será de balde ata completar aforo.

O Día das Letras ás once e media da mañá dará inicio o maratón de lectura que organiza cada ano Vagalume. Iso si, só se hai un cento de persoas apuntadas. Os interesados en inscribirse poden facelo na biblioteca. Xa ás 18.00 horas, no teatro haberá un contacontos. Raquel Queizás presentará O loitador da Galaxia, baseado na vida e obra de Fernández del Riego. Ás 20.30 horas proxectarase a película Matria. O 18 ás 20.30 horas será a estrea de Florencio na Terra, a película que o petinés Domingo D. Docampo fixo sobre Florencio Delgado Gurriarán. O venres no teatro poderase ver o espectáculo músical infantil con Brais das Hortas. Para pechar o programa, o sábado 20 está previsto un obradoiro de xogos e xoguetes populares. Hai 25 prazas e os interesados deben apuntarse na biblioteca.