O pai e a filla que lograron o soño común de ser escritores

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Óscar e Alba Guzmán, cas súas obras, na librería Nobel de Ourense
Óscar e Alba Guzmán, cas súas obras, na librería Nobel de Ourense MIGUEL VILLAR

Óscar e Alba Guzmán comparten a súa devoción pola lectura e a escrita: el creou a súa primeira novela polo reto lanzado por Alba e ela gañou o Xuventude Crea pola teima paterna

17 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta é unha historia de palabras, afectos, amor, admiración, complicidade, incentivación e moita paixón pola lectura e pola escrita. O relato ten dous protagonistas principais, Óscar e Alba, e toda unha morea de convidados. Aqueles que foron sendo causa común nas inquedanzas literarias compartidas e os que logo foron creando eles mesmos e que andan a correr polas librarías e polos centros de ensino.

O pai recoñece que sempre lle gustou ler e que esa paixón a herdou a súa filla. El tivo moito que ver, ao abrirlle camiño coas súas recomendacións e as súas inquedanzas literarias. Óscar Guzmán foi amoreando historias na súa cabeza, mais nunca se puxo a escribilas. O traballo e as responsabilidades, a vida a fin de contas, non lle deixaban tempo para darlle forma ao que quería expresar. A pandemia abriu o camiño ao situalo nun escenario novo: as quendas de traballo en solitario, moitas veces en espazos históricos como San Pedro de Rocas, e o confinamento foron a chave para que se puxese a escribir. Iso e que Alba Guzmán o retou a que se puxese a crear a historia que tiña pendente. O resultado chegou en forma da novela Os segredos de Teresa, unha entrega na que o misterio é un factor determinante. Como corresponde a un amante do xénero e de autores como Agatha Christie. Ourense, Rocas e outros escenarios, con algunha escapada fóra da provincia, aparecen recollidos na obra.

O pai recoñece a súa satisfacción polo resultado: «A novela xa vai pola terceira edición, está en varios clubs de lectura, entrando nos colexios e, ano e medio despois, segue nas librarías. Para alguén coma min, que vén de fóra do contexto literario, é algo incrible», recoñece Óscar Guzmán.

A experiencia foi satisfactoria e o pai xa conta con outra novela preparada para publicar. «É un caso policial, na liña da obra anterior, no que aparecen mosteiros, hai enigmas e menos personaxes que na primeira», avanza. Desta volta quere darlle unha nova canle ao seu traballo e aposta por presentar o orixinal a algún dos certames literarios galegos. Podería editala xa, mais desexa agardar: «Quero probar. Se pode saír co respaldo dalgunha convocatoria iso sempre lle dá outra visibilidade», apunta. 

Relatos ao campamento

Alba Guzmán Falcón recoñece o papel que xogou o pai na súa faceta literaria. «El foi o que me incentivou para ler —eu vía tamén como gozaba coa lectura— e o que tivo a habilidade de ver as cousas que me gustaban e, xunto coa miña nai, apoiarme para que fose percorrendo o meu propio camiño». A complicidade sempre estivo aí e Alba lembra unha anécdota da mesma: «Cando ía aos campamentos da Xunta el mandábame relatos para que os lera, e eu remitíalle os meus. Nunca tivo reparo en ensinarme o seu traballo e sempre me animou a escribir e a participar nos concursos», sinala a filla.

Alba Guzmán foi colleitando premios dende cativa e o punto de inflexión chegou co Xuventude Crea. A pandemia e o seu pai algo tiveron que ver no proceso para que Xoaniña de Deus se fixese realidade, xa que no confinamento era Óscar Guzmán o que lle andivo a lembrar á súa filla que a nova realidade era o escenario ideal para corrixir e deixar rematado o texto para presentalo á convocatoria. «O premio foi toda unha sorpresa, e que o libro inaugurase unha nova colección de Xerais algo marabilloso. Ata o momento no que vin a obra nas librarías non fun consciente do que pasaba. Daquela foi cando me invadiron os nervios. Aínda que logo todo pasou cando comprobei a boa acollida que tivo o libro», lembra.

Recoñece Alba Guzmán que a nova realidade, cos compromisos derivados das presentacións e os encontros, non lle deixa oco para comezar un novo proxecto. Anda a revisar textos que xa tiña e algunha cousa vai creando. Mentras agarda a etapa na que dispoña do tempo que precisa lembra a paixón compartida: «Escribir xuntos é algo especial e temos moita complicidade. Na pandemia foi cando meu pai escribiu a súa novela. Eu axúdolle co galego, porque son galegofalante de berce e estudei a normativa, e el a min co puntos de vista e algún fío argumental ou personaxes. Pasámonos os textos e dámonos opinións».

«Agora son eu a que vou ás aulas e sempre miro se hai unha Alba por aí»

Ramón Nicolás, crítico de La Voz de Galicia, saudaba con fervor a aparición de Xoaniña de Deus e avanzaba aos seus lectores —ao respecto da autora— que «non é difícil albiscar outros e maiores éxitos nun futuro próximo». Ela acredita na repercusión do Xuventude Crea: «Estou con xente á que admiro de sempre, escritores consagrados ou que viven da literatura, e agradezo moito o trato que me dan e a consideración que estou a recibir por parte de todo o mundo». Dentro das actividades vencelladas á promoción da obra están os encontros nos centros de ensino. Recoñece que son citas especiais para ela: «Gozo moito coas sesións. Antes estaba aí sentada. Agora son eu a que vou ás aulas e sempre miro se hai unha Alba por aí. Alguén que goce coa actividade como me pasaba a min».

Quen son. 

O pai. Óscar Guzmán Álvarez (Vilamarín, 1970)é traballador das brigadas de zonas verdes da Deputación. Antes estivo no centro ecuestre de A Limia. «Os segredos de Teresa» (Toxosoutos) foi a súa primeira novela e xa vai pola terceira edición. A segunda entrega xa está rematada, aínda que agarda para publicala.

A filla. Alba Guzmán Falcón (Ourense, 2003) leva colleitado un bo feixe de premios literarios dende cativa. O Xuventude Crea de Novela Curta converteuna en referente das novas xeracións de escritoras galegas. Estudante de Enxeñaría Mecánica en Vigo, anda agora na campaña de promoción da obra coa que gañou o certame: «Xoaniña de Deus».