José Ramón Rodríguez Castellanos: «Os viños de Valdeorras teñen que volver a reivindicarse nos concursos»

X. M. R. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

José Ramón Rodríguez Castellanos, presidente do Consello Regulador de Valdeorras
José Ramón Rodríguez Castellanos, presidente do Consello Regulador de Valdeorras MIGUEL VILLAR

O responsable da denominación de orixe lembra que a mesma «é o berce do godello»

16 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O novo presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras chega á responsabilidade con coñecemento de causa. Vencellado a unha das adegas icónicas da demarcación, a que mantén vivo o legado do desaparecido Joaquín Rebolledo, José Ramón Rodríguez Castellanos (A Rúa, 1978) xa formaba parte do Comité de Garantías da DO Valdeorras. Incide no traballo desenvolvido polo seu antecesor no cargo e da herdanza que recolle de José Luis García Pando. Ten unha folla de ruta perfilada —aínda que sexa de xeito provisional ao estar pendente dun maior coñecemento da realidade— na que o control de calidade, a promoción, o crecemento controlado da denominación e a diversificación da oferta serán obxectivos preferentes. Pon por diante o prestixio de Valdeorras para reivindicar unha comarca vitícola «cunha singularidade e un potencial que a converten en todo un luxo para a elaboración dos mellores viños».

—Que o animou a facerse cargo da denominación?

—Primeiro o apoio da miña familia —porque é a que vai sufrir o tempo que lle roubarei pola nova responsabilidade— e logo a unanimidade do sector, que sempre é un recoñecemento e te anima a intentar aportar algo para o conxunto da denominación.

—Como foi o traspaso de poderes? Ten o apoio do seu antecesor?

—Con Pando teño boa relación. Fíxoo moi ben, porque pacificou un sector que estaba con moitas tensións, e contarei cos seus consellos para tentar facelo o mellor posible. El ten o consello regulador e a denominación na cabeza porque estivo once anos á fronte dos mesmos e representa un gran valor para nós e unha axuda inestimable.

—Cal é a realidade da DO Valdeorras na actualidade?

—En números redondos e falando de memoria: na última vendima recollemos sobre 6,5 millóns de quilos de uva —entre o 70 e o 80 % branca—, máis de mil viticultores, dúas cooperativas e corenta e cinco adegas. E contamos cunhas mil hectáreas en produción. Temos algunhas máis plantadas, pero aínda non están na fase produtiva.

—Que prioridades se marca?

—Os consellos teñen dúas liñas de acción: o control de calidade e a promoción. No primeiro apartado o obxectivo é facer viños con maior identidade, que é o que te diferencia nos mercados, e seguir impulsando a marca Valdeorras, que é o noso paraugas común e todos temos que apostar e loitar por ela.

—Por que Valdeorras non ten a presenza de hai anos nos concursos e na relación de premios?

—É un dos temas a mellorar. O que pasa é que nos últimos quince anos os principais enólogos e adegas de moita calidade de viño desembarcaron en Valdeorras. Iso provoca que, ao seu amparo, o resto de adegueiros teñamos un mercado moito máis internacional e vendamos de xeito máis doado os nosos viños. Que significa iso? Que chegamos ao mes de setembro e xa estamos sen viño. Esa situación desmotiva ás adegas para participar nos concursos, ademais de ser un gasto engadido. Dende o consello regulador temos que facer algo para que se pense a medio e longo prazo. Facer marca é moi importante para cando as cousas veñen mal dadas. Daquela é algo a corrixir. Os viños de Valdeorras teñen que volver a reivindicarse nos concursos e imos apostar por retomar esa dinámica.

—No caso do godello pasa o mesmo? É dicir, mentres se asociou historicamente a Valdeorras na actualidade o público vencéllao maioritariamente a outra zona.

—O berce do godello e onde mellor se expresa é en Valdeorras. Por iso os grandes enólogos e elaboradores invisten na comarca. A comunicación e estar en todos lados ten un custe e ao mellor ese factor, como no caso dos premios, inflúe negativamente. Nese aspecto temos que mellorar a nosa promoción porque contamos cunha historia incrible e pode que non sexa coñecida na súa xusta medida. Aspectos como o embotellado, a presenza xa nos 70 nos mellores mercados europeos ou o famoso Plan Revival, onde dende Extensión Agraria e tres ou catro tolos —Guitián, Rebolledo e Godeval— levantan as viñas, plantan de novo e hoxe temos cepas de godello de corenta anos. Iso é algo único.

«Hai moito interese por instalarse aquí e demanda de grandes empresas»

Aínda en fase de aclimatación, o novo presidente xa leva participado en varios encontros sectoriais e veñen de aprobar o orzamento, un documento que xa estaba preparado para dar resposta ás necesidades do consello antes da súa elección. Rodríguez Castellanos conta co apoio do seu antecesor para ir desenvolvendo a súa aterraxe. Recoñece que «obviamente non ten nada que ver estar no comité de garantías nestes catro anos, como foi o meu caso, con ser presidente do consello».

—Que un viño da denominación fose o primeiro branco español en conseguir os 100 puntos Parker puxo a Valdeorras no mapa?

—E tanto. Non cabe dúbida que é un éxito persoal de Rafael Palacios, pero foi un fito que fixo que se xerase un importante interese sobre a denominación de orixe Valdeorras, situación que obviamente beneficia a todos os viños da mesma en xeral porque espertou unha grande curiosidade.

—Hai proxectos para a chegada de empresas de fóra?

—Todos os anos sumanos hectáreas en produción pola incorporación de novas adegas ou viticultores. Hai moito interese por instalarse aquí e demanda de grandes empresas.

—Por exemplo?

—Non é momento de falar diso e haberá que agardar a que se consoliden os proxectos. Pero hai marcas de moito, moito, prestixio que queren elaborar o seus propios viños en Valdeorras.

—O tinto é a asignatura pendente?

—É un sector polo que apostar. Os tintos galegos, e valdeorreses en particular, son moi bos. Os nosos son frutais e doces e temos que potencialos. Coa mencía como sinal de identidade pero apostando polas variedades autóctonas para reforzalos.

—A exportación segue sendo un valor seguro?

—Para nós si. Toda Europa, Estados Unidos, Canadá ou Xapón son mercados fidelizados.

Das viaxes de volta na fin de semana á súa paixón coralista

Mentres expresa o desexo de ver un fin de ciclo no que, dentro de catro anos, a denominación teña conseguido un maior recoñecemento nacional e internacional, e que os corenta anos de traballo que hai detrás sexan fundamentais para situar aos viños de Valdeorras onde se merecen, José Ramón Rodríguez Castellanos lembra unhas orixes familiares nas que a viticultura sempre estivo presente. «Na casa sempre houbo viñedo e meu pai tiña a viña para o gasto —consumo propio—». Como moitas outras familias da zona a súa rematou marchando cara A Coruña na procura dun futuro mellor. Tiña daquela 11 anos. A música marcou o seu camiño, por mor do seu avó. Murciano de orixe e guitarrista autodidacta, contaxiou a súa paixón ao neto. No Conservatorio da Coruña fixo os seus estudos de música, o instrumento é doado de adiviñar, e dende hai 18 anos imparte clases no IES 12 de Outubro de Ourense.

—Cando fixo o camiño de volta?

—Os da Rúa nunca nos imos. Son moitas as familias que se foron para A Coruña, a comunicación favorecía tamén ese aspecto, e estabamos na estrada. Días laborais na cidade e fins de semana, vacacións, Semana Santa e entroido de volta para A Rúa. Era o ritual daqueles anos.

—A música mestura co viño?

—Son expresións artísticas. O viño é unha obra de arte que se vai facendo pouco a pouco. E ti velo no campo, que é un mundo duro pero incriblemente bonito, e nesta época gozando de como agroman as viñas.

—Como remata un músico en Joaquín Rebolledo?

—Son as voltas que dá a vida. A miña muller é filla única, meu sogro hai anos que morrera e á miña sogra a saúde non a axudaba. E fixémonos nós cargo da adega. Cursei o mestrado en industrias alimentarias que tiña Caixanova e comecei a meterme no mundo do viño. A responsabilidade é moita, por ser o proxecto que promoveu Joaquín Rebolledo, pero é unha satisfacción.

—A música queda para o IES?

—No día a día si porque é o meu traballo. A miña paixón é cantar e formo parte dunha coral.

Quen son.

«Profesor por vocación, viticultor-adegueiro por tradición, rués por enriba de todo. Solo sei traballar en equipo (ao cal lle debo todos os éxitos) e sempre vexo o vaso medio cheo».