O Consello da Cultura Galega dedica unha xornada á figura de Martiño de Dumio e aos suevos

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Exposición sobre os suevos no Marcos Valcárcel
Exposición sobre os suevos no Marcos Valcárcel Santi M. Amil

A institución publicou a obra cos consellos do santo a Miro, rei de Galicia, xunto con varios textos contextualizadores

11 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A Deputación de Ourense converteuse no ano 2017 nunha das referencias da oferta cultural de Galicia cunha mostra que fixo historia. O tempo dos suevos foi unha macroexposición repartida por varios espazos da cidade, co epicentro no Centro Cultural Marcos Valcárcel, e na mesma incidiuse no que está considerado o primeiro reino de Europa, a Gallaecia, e na figura do seu máximo exponente: Martiño de Dumio (Panonia, c. 515 - Braga, c. 580). San Martiño de Dumio, ou San Martiño de Braga, tivo unha gran influenza na iglesia galega do seu tempo —aquí chegou no ano 550— e foi o máximo impulsor do esplendor cultural e político do reino suevo.

Agora a súa figura é obxecto de varias iniciativas promovidas polo Consello da Cultura Galega, coa edición dun libro e a celebración dunha xornada centrada na súa figura. No mesmo celébrase este martes o encontro que leva por título Martiño de Dumio, o reino suevo e a cultura galega. O mesmo será unha xornada na que destacados especialistas analizarán a súa figura «e ofrecerán unha visión de conxunto sobre o tempo, a política e a cultura na época en que viviu o intelectual», segundo se sinala dende a institución.

A xornada, que se pode seguir de xeito presencial pero tamén en directo a través do sitio web e as redes sociais corporativas, será inaugurada pola presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, ás catro e media da tarde. A Anselmo López Carreira corresponderalle a primeira das conferencias, a que se centrará en realizar un percorrido pola Galicia sueva, e a mesma levará por título A formación do reino suevo. Para as cinco e dez da tarde está prevista a intervención de José Carlos Sánchez Pardo, profesor da USC, titulada As conexións internacionais do reino suevo. Eduardo López Pereira, profesor da Universidade da Coruña e presidente da Fundación Otero Pedrayo, será o encargado de presentar a ponencia Cultura e pensamento na Gallaecia. Para as seis da tarde está prevista a intervención de Laura Ranero Riestra, da Complutense de Madrid. Centrará a sesión en A difusión da Formula vitae honestae na Idade Media. O profesor de ensino secundario e tradutor Xosé Antonio López Silva pechará as sesión coa titulada O impacto de Martiño de Dumio na cultura galega. Ao rematar haberá un debate. 

Publicación

O Consello da Cultura Galega publicou recentemente o libro Como levar unha vida honesta. Consellos de Martiño de Dumio a Miro, rei de Galicia. Na publicación acompañan ao texto unha serie de artigos contextualizadores asinados por Xosé Antonio López Silva —autor da tradución—, Anselmo López Carreira, Rebecca A. Devlin, José Carlos Sánchez Pardo, J. Eduardo López Pereira e Laura Ranero.