A Miteu porá o foco no feminismo, o racismo, a identidade sexual e a xustiza
OURENSE
A mostra de teatro ofrecerá vinte obras entre o 20 de abril e o 6 de maio
01 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A Mostra Internacional de Teatro de Ourense (Miteu) ofrecerá vinte espectáculos na súa próxima edición. Celebrarase entre os días 20 de abril e 6 de maio e como é costume o programa incluirá propostas moi variadas: danza, circo, música e moito teatro. «Pasarán por Ourense compañías de Suíza, Colombia, Portugal e España. A previsión era contar tamén cunha francesa pero, finalmente, non se puido confirmar a súa presenza. Son cousas que nos teñen pasado en varias edicións na Miteu —grupos que non chegaron por cuestións burocráticas, censura, guerras e outras circunstancias— pero a mostra sempre vén á súa cita cos espectadores e fronte á crispación actual ofreceremos cultura», sinalou Fernando Dacosta.
Un escenario convulso que tamén se reflicte no cartel da Miteu 2023, onde se reproduce o símbolo da paz —«que para uns pode ser en construción e para outros en destrución, admite as dúas lecturas»— e alusións á guerra xunto a referencias aos espectáculos. O director da Miteu salientou que o programa incluirá propostas moi variadas e «nas obras trátanse cuestións como o racismo, a identidade sexual, o feminismo e a xustiza».
As representacións comezarán o día 20 co espectáculo de rúa En primicia, de Rosaura, e pecharanse o 6 de maio coa proposta As cidadades agochadas, de Maricastaña. As sesións serán no Teatro Principal e no Liceo, coa excepción dos espectáculos de rúa e a proposta de circo Ara —da Compañía Andrea Ríos, de Colombia— que se poderá ver no patio dos Maristas.
Como xa é tradición a cita anual co teatro universitario mesturará este con propostas de grupos profesionais. Nesta edición contarase coa presenza de Yllana, que estará o día 27 de abril no Principal coa súa montaxe Passport.
Na presentación da Miteu 2023 participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o asesor cultural da Deputación de Ourense, Aurelio Gómez Villar; a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama; a directora do Teatro Principal, Olga Mojón; e Begoña González, de Cervexas A Esmorga, unha das empresas patrocinadoras da mostra.
Experiencia pioneira
O secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, destacou o carácter pioneiro da Miteu e o valor engadido que aporta a súa experiencia. «Sempre digo, e o reitero, que esta é unha das citas culturais de referencia da cidade de Ourense e de Galicia. Porque apostan por unha programación de moitísima calidade, polo feito de incorporar o teatro profesional á súa oferta e polo acerto que tiveron cando decidiron crear unha mostra para darlle visibilidade e pór en valor o teatro universitario. Iso, e o seu carácter internacional, fan que teña fidelizado ao seu público logo de vinteoito anos de vida», sinalou.
Aurelio Gómez Villar e Mónica Valderrama incidiron no compromiso do apoio da Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo, respectivamente, co proxecto e Begoña González expresou o seu desexo de manter a colaboración nos vindeiros anos para afondar na presenza de A Esmorga na oferta cultural.
A Miteu inclúe no programa deste ano un concerto de The Tetas Van —día 21 de abril no Auriense— e un curso que será impartido por Elena Seijo.