Unha historia de película

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Ernesto Romero.
Ernesto Romero. Santi M. Amil

O dono do cine do Ribeiro, que se identifica co Totó de «Cinema Paradiso», celebrará o día das eleccións municipais os 40 anos da súa primeira proxección

26 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A maxia dun vello e reaproveitado proxector Ossa e da luz que saía do mesmo para encher de imaxes a pantalla do cine Principal de Leiro marcaron para sempre a vida de Ernesto Romero García. É a súa unha experiencia semellante á do Totó de Cinema Paradiso (Giuseppe Tornatore, 1988) e esa é unha das súas películas de cabeceira. Mesmo localizou ao seu protagonista, Salvatore Cascio, nas redes sociais e de cando en vez aproveita para comentarlle algo se sae unha entrevista ou unha reportaxe sobre o cativo que se gañou aos espectadores de todo o mundo. No caso do rapaz de Leiro o camiño estivo entre Totó, Arturo Baltar e algún dos personaxes de Carlos Casares, xa que o teatro foi a outra paixón do Ernesto Romero mozo, e mesmo se foi uns meses cunha compañía que pasara polo cine do pobo, aínda que a cousa non funcionou.

Mais faise urxente volver ao comezo e optar polo formato de curta para avanzar, porque hai moitas historias na vida do noso protagonista. En 1966, aos 14 anos, entrou na cabina do Principal. E alí estivo ata que en outubro do 73 se foi á mili. Dende a etapa militar —Almería, Melilla, Alhucemas— preguntáballe á súa nai polos títulos que pasaban no Principal nas cartas que lle remitía. En maio de 1974 dille que o cine vai pechar en pouco tempo, logo do verán. Volve, xa licenciado, e valora coller o traspaso. Non é viable: a reforma para actualizalo era demasiado grande.

Descartada esa opción viu chegado o momento de irse coa compañía de teatro que lle gustaba —fixera varias representacións no Principal— e que lle ofreceran enrolarse no proxecto. Botou un tempo con eles: eran da zona de Móstoles, estaban daquela asentados en Villablino e representaban polos pobos dos arredores. Aquilo non era o que agardaba, e deixouno.

Os anos do García Barbón

De volta no Ribeiro traballa no Cine Río, de Ribadavia, e quita o carné de proxeccionista. Iso ábrelle a porta para entrar na empresa Fraga. En outubro de 1976 comeza no Teatro Cervantes de Vilagarcía e aos tres meses, o 1 de xaneiro de 1977, está no García Barbón de Vigo. Foron os mellores anos. «Unha etapa marabillosa. Ademais das proxeccións de cine, pasaban por alí as mellores compañías de teatro —da de Lina Morgan a Lola Herrera e a montaxe Cinco horas con Mario— e como era o que pechaba o teatro moitas veces me convidaban a ir tomar algo con eles. Unha vez Rafaela Aparicio diume unha propina de 500 pesetas, que eran moitos cartos daquela, por irlle buscar as medicinas á farmacia de guardia», lembra.

O soño de Ernesto Romero era ter un cine de seu. E foino deseñando, e creando, mentras estaba no García Barbón. Unha casa para vivir e coas instalaciones cinematográficas no baixo. O seu irmán Antonio —peza imprescindible en toda esta historia—, o seu pai e un veciño foron facendo realidade o proxecto. O 28 de maio de 1983 acendeuse a luz do proxector do Novocine de Leiro: pasaron a comedia española La quinta del porro —«quería traer Kramer contra Kamer pero estaba ocupada e non ma deron»—, que foi todo un éxito de público. O García Barbón pecha no 82 e aínda pasa por varios cines da empresa —Vigo, Plata e Fraga— e logo polos Multicines Norte. En agosto de 1983 volve definitivamente para Leiro.

A historia do último romántico do cinema non foi doada. De certo que conseguiu o seu soño e asegura que volvería andar o camiño percorrido pola satisfacción de contar co seu propio cine, ver as películas —as que lle gustan e «aquelas que sei que me van dar perdas, pero que quere ver un determinado público, que me dan as grazas ao rematar»— e, por riba de todo, gozar da relación cos espectadores e amigos.

Un documental sobre a súa vida

Mais polo camiño tivo que resistir tempos malos, en ocasións peor que malos. A competencia desleal das proxeccións de vídeos nas cafeterías, a desaparición do cámping de Leiro —que aseguraba a taquilla no verán—, os anos de perdas que mitigaba parcialmente coas axudas do Ministerio de Cultura, o tempo que botou pechado porque non era viable a actividade e mesmo a venda da xoia do patrimonio familiar —un viñedo de máis de 8.000 metros cadrados cun muíño restaurado— para rematar de pagar o préstamo solicitado para instalar o dixital e poder proxectar en 3D.

Un dos sinais de identidade de Ernesto Romero é a súa faceta de coleccionista: conta con máis dun cento de gramófonos, os discos de pizarra e vinilos antigos superan os 3.000 —antes eran o dobre, máis foi vendendo fondos— e mesmo perfeccionou o seu método para crear agullas para gravar vinilos. Conta cunha máquina que mercou no seu día a unha empresa que estaba na Portal do Sol de Madrid e pechou. Tamén creou a maqueta a escala que reproduce o Principal de Leiro: como non había imaxes do mesmo el decidiu recrealo tal e como era. Agora é carne de documental. O realizador Simone Saibene promove o proxecto. «Veu un día por aquí pasar un traballo seu e a partir de aí naceu a idea».

Quen é. Ernesto Romero naceu en Leiro hai 71 anos.

Profesión. Propietario do Novocine. Comezou como proxeccionista no Principal e logo estivo na cadena Fraga. En 1983 abriu o seu propio local, que cumprirá 40 anos o 28 de maio. En 1989 La Voz de Galicia daba a coñecer a súa historia. Daquela era o propietario, xerente, proxeccionista, acomodador e vendía as entradas.

O seu espazo. O Novocine é onde se simboliza a súa paixón vital. Dende a descuberta da luz no proxector do Principal, aos 14 anos, nunca deixou de cavilar na maxia das imaxes. 

A celebración. Desexaría proxectar «Cinema Paradiso» nos 40 anos do Novocine e convidar a Salvatore Cascio, aínda que recoñece que non é viable. O soñar non ten cancelas. Aínda non cavilou no título que pasará o 28 de maio.