O Marcos Valcárcel acolle unha exposición fotográfica de lugares que tentan lembrar aos que morreron

La Voz OURENSE

OURENSE

O xornalista Xosé Manoel Rodríguez nunha imaxe de arquivo
O xornalista Xosé Manoel Rodríguez nunha imaxe de arquivo Santi M. Amil

O xornalista de La Voz Xosé Manoel Rodríguez achega ao espazo ourensá unha mostra na que leva traballando doce anos

09 mar 2023 . Actualizado a las 17:52 h.

O centro cultural Marcos Valcárcel albergará dende este xoves e ata o 9 de abril a mostra fotográfica «Abeirados», un ensaio visual realizado polo xornalista de La Voz Xosé Manoel Rodríguez. Nel recolle imaxes de espazos públicos nos que se lembra ás persoas vítimas dalgún accidente ou sinistro mortal.

A exposición é o resultado dun traballo documental realizado por Rodríguez nos últimos doce anos ao longo do territorio galego, con especial protagonismo ourensán.

O obxectivo da mostra é reflectir unha costume secular de Galicia, mais tamén universal, como é a lembranza dos finados nos espazos públicos, especialmente a través deses fitos colocados na beira das estradas —de aí o nome da iniciativa— e que evocan sinistros mortais de moi diversa índole, dende accidentes de tráfico a episodios violentos ou naufraxios-.

O xornalista de La Voz explica que foi un proxecto desenvolvido sen présa, esquecéndoo e volvendo a el en diferentes etapas durante este tempo. Este ensaio fotográfico é un percorrido por todos eses espazos que recordan pasamentos accidentais e que se espallan polas estradas, cantís ou congostras, constituíndose en monumentos íntimos con grande capacidade de transmisión de cada pequena ou grande historia.