
As cintas rodadas en Ourense estarán na sección oficial, fóra de concurso
11 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Dúas das películas rodadas na provincia de Ourense grazas ao apoio económico da Deputación participarán no Festival de Cine de Málaga, o gran certame de referencia para o cinema español. «Honeymoon» foi un proxecto dirixido por Enrique Otero e «Amigos hasta la muerte» unha proposta promovida polo actor Javier Veiga. O do Grove é o director da película.
A presenza das películas que contaron co apoio da Deputación de Ourense para a súa rodaxe tamén terán un importante papel na gala da entrega dos premios Mestre Mateo, que se celebrará este sábado no Auditorio da cidade. As películas con presenza da provincia suman un total de vinte e seis nominacións e unha delas, a cinta «O corpo aberto», de Ángeles Huerta, parte como a gran favorita de cara á gala que organiza a Academia Galega do Audiovisual.
Para José Manuel Baltar a participación das películas de Otero e Veiga no Festival de Cine de Málaga é «un fito máis dentro da estratexia implementada polo goberno provincial para facer de Ourense un gran plató de cine, apostando fortemente pola industria audiovisual como un axente dinamizador da nosa provincia». No caso do pasado ano, o 2022, o mesmo se converteu nunha referencia inexcusable, ao sumar dez proxectos entre rodaxe de películas e series.