Marisa Castro novela en «A saga das curandeiras» un mundo que coñece pola experiencia da súa familia
OURENSE
A bióloga e investigadora presenta este sábado a súa obra na Libraría Escolma do Carballiño
24 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Día 25 • 12.30 horas • Libraría Escolma • O Carballiño • A investigadora, bióloga e micóloga Marisa Castro presenta este sábado no Carballiño a súa primeira novela: «A saga das curandeiras». A obra é unha historia ficcionada na que a protagonista é Rosalía Carcedo, unha curandeira cuxa vida serve de fío narrativo para facer unha viaxe pola primeira metade do pasado século. Arranca na Galicia natal da curandeira e pasa polo Madrid da República e a Guerra Civil, para volver logo á súa aldea durante a ditadura. Xa retornada, Rosalía Carcedo continúa aplicando o seu coñecemento dos remedios naturais, a pesar da incomprensión e a incredulidade dos que a rodean.
Aínda que «A saga das curandeiras» é ficción, a autora plasma no texto toda a experiencia familiar. «É a recompilación do material recollido, a xeito de investigación, durante moitos anos e o vivido e coñecido pola experiencia persoal, xa que procedo dunha familia na que imos pola sexta xeración de curandeiros», recoñece Marisa Castro. A obra é tamén unha homenaxe ás persoas que xogaban un papel fundamental na sociedade agraria tradicional. «A xente da aldea non tiña diñeiro para ir ao médico e no agro o que se facía era ir ao curandeiro para que che dera un remedio para curarte», sinala. Chama a atención sobre o feito de que moitas das propiedades e recomendacións de prantas, cogumelos e outros elementos usados tradicionalmente polos curandeiros se foron recoñecendo co tempo.