Iván Costa, investigador: «Sería moi relevante para Ourense pór en valor os residuos da castaña»

Cándida Andaluz Corujo
cándida andaluz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

Traballa no uso sostible dos subprodutos nun laboratorio do Campus da Auga

06 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O investigador Iván Costa Trigo (Allariz, 29 años) pertence ó Grupo BiotecnIA do Campus da Auga da Universidade de Vigo. Traballa no laboratorio ourensá e acaba de presentar a súa tese no marco do programa de doutoramento Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento. Nela, Iván escolleu como biomasa de estudo a da castaña. Comprobou como os residuos agroindustriais ou subprodutos convértense en ingredientes susceptibles de ser valorizados seguindo os principios da biorrefinería. Esta produce diversos produtos químicos mediante o fraccionamento dun material cru inicial (biomasa) en múltiples intermedios que poden transformarse, a súa vez, en produtos de valor engadido. Neste caso, a biomasa é a castaña.

Así, demostrou o potencial do ourizo para a obtención de biomoléculas con aplicacións alimentarias. En concreto, comprobou que das follas, a poda, as cáscaras e os ourizos obtéñense, tras un proceso complexo, producións eficientes de bacteriocinas, ácido láctico e biosurfactantes. Actualmente, por exemplo, existe unha enorme demanda comercial destes últimos compostos, debido a que os obtidos por síntese química (a partir de derivados do petróleo) son tóxicos, non biodegradables e hai una regulación ambiental importante para o seu uso. Serven para, entre outras cousas, limpar terras contaminadas

A chegada de Iván ó mundo da investigación e, en concreto, do medio ambiente ten moito de vocación. «Sempre me gustou a natureza, os recursos naturais e coidar do medio ambiente, que estivera todo limpo», explica. Así foi como se decantou por estudar Ciencias Ambientais en Ourense e facer, despois, o mestrado en Tecnoloxía Agroalimentaria. «Elixín a carreira ante a problemática do cambio climático e a xeración de residuos. Acababa de implantarse en Ourense e pensei que tiña saídas laborais», comenta.

Elixiu a castaña para a súa tese para centrarse no ámbito local e en recursos que xeran grandes cantidades de residuos. Porque non están estudados e podería darselle alto valor engadido. «Moitos dos compostos dos ourizos teñen unha aplicabilidade no mundo da farmacia, por exemplo. Se isto se implementa, a industria tería uns ingresos engadidos e unha especialización. Unha capacidade maior para crecer e vender outros produtos. Diversificar», explica. Cre que este é un proceso lento e que vai pouco a pouco entrando nas industrias. No ámbito da castaña, afirma, hai moitos produtores, pero a maioría venden ós distribuidores. «O tema de biorrefinería lévase a cabo, pero de momento e basicamente en temas de madeira, sobre todo en Suecia, onde se usa, por exemplo, para facer azucre. En España hai varias en Andalucía, para producir determinados produtos usando o óso da oliva. Ourense, xunto con Lugo, é en Galicia a que máis produtividade de castaña ten. Sería moi relevante pór en valor os residuos deste froito, buscarlle unha maior aplicabilidade xa que non se aproveitan», explica.

Así, do seu estudo destaca que os ourizos de castaña son un subproduto pouco explotado que se xera en grandes cantidades, xa que a súa produción pode superar entre 2,5 e 3 veces á produción de carne de castaña.

Na actualidade ten en marcha outro proxecto similar pero centrado no uso da bagaxe da cervexa. O obxectivo é usala para limpar a contaminación das terras. Está en fase inicial. Unha vez pase o proceso de biorrefinería o produto será probado nun laboratorio da Universidade de Vigo, onde se recolleu terra queimada nun incendio forestal. «A cascarilla da cebada cócese e despois prénsase e iso é o que aproveitamos. A idea é conseguir biosulfatantes que se aplicarán máis tarde na biorremediación, que é a limpeza dos terreos que foron queimados polos incendios forestais», explica.

 «Teño claro que a investigación é básica en calquera país que queira mellorar»

Iván Costa Trigo destaca a importancia que ten investigación e os traballos que se fan nos laboratorios. Toda unha dedicación. «Creo que aprendes moitas cousas e dáche outra visión do que é a sociedade, amplías a mente», di. Aínda así é consciente da falta de recursos: «Podes enlazar becas continuadas e seguramente haberá xente que non está contenta. No caso que non as consigas, dependes do grupo de investigación, que se mova ben, con empresas, con proxectos nacionais e europeos. Tes que estar avalado por outros investigadores ou por un catedrático. O que está claro é que investigación é básica nun país que quere mellorar», comenta.

Aínda que afirma que tivo sorte, sinala que é necesario ter vocación. «Tes unha gran satisfacción cando consegues algo e vas vendo por onde ir ou por onde podes tirar. Hai unha parte de traballo persistente, hai veces que non saen as cousas e tes que cambiar, que darlle a volta a todo. Pero non hai resultado malo. De todo se aprende», puntualiza.

Traxectoria vital

DNI. Iván Costa Trigo ten 29 anos e é natural de Allariz, onde vive.

Formación. Tras cursar os estudios obrigatorios na súa vila, Iván trasladouse a Ourense para estudar o grao de Ciencias Ambientais no seu campus. Fixo o mestrado de Tecnoloxía Agroalimentaria e así entrou no grupo Biotecnoloxía Industrial e Enxeñería Ambiental (BiotecnIA) e hoxe traballa nun laboratorio do Campus da Auga.