Carta a Jácome: «O entroido non vai a golpe de cartos»

Asociación A Pantalla BUZÓN DEL LECTOR

OURENSE

Jácome, en una imagen de archivo del entroido de Ourense
Jácome, en una imagen de archivo del entroido de Ourense MIGUEL VILLAR

03 feb 2023 . Actualizado a las 22:20 h.

Logo do grande espectáculo que puidemos ver o día 1 de febreiro coa presentación do carnaval de Ourense nas redes sociais, só podemos mostrar as nosas máis sinceras felicitación a don Gonzalo Pérez Jácome pola grande actuación e dotes de comediante que dispón, ó nivel de calquera parodia que os nosos mellores entroideiros e entroideiras poderían facer. Nunha palabra: sublime!

Don Gonzalo, de verdade, cantos de nós quixeramos ter a sorte de contar con vostede en calquera comparsa! As risas estarían aseguradas e pasaríamos uns días de entroido que ata estarían a altura das festas de verá da capital. Como dixo na presentación, «top en toda Galicia» é o que é vostede, pero non o seu entroido.

Porque o entroido non vai a golpe de cartos, aínda que pagara ó sambódromo todo de Río de Janeiro e o subira nun autobús descapotable. Iso é carnaval, por certo. O entroido entendido polos entroideiros, cousa que lamentablemente don Gonzalo vostede non parece que sexa, ten un transfondo que nin o mellor disyóquey de Tomorrowland (da igual si Canadá ou Bélxica), dará feito que en Ourense se poida vivir porque fala de conceptos como a herdanza, como os rituais, como a parodia, e un longo etcétera que se teñen ou non se teñen. Por iso mesmo, dende o noso colectivo, dende a Asociación Cultural A Pantalla, cando se puxeron en contacto connosco decidimos por unanimidade non converternos nun atractivo a modo de atracción de feira para vostede. Quen queira ver pantallas sabe a onde ten que vir!

É máis, invitámolo formalmente a vostede e a toda a súa corporación —que xa poucos son e temos sitio para todos— a que se acheguen o domingo, luns ou martes, se lle da tempo entre disyóquey e disyóquey, á nosa vila, a Xinzo de Limia, podendo ser sen disfrazar para que sinta de primeira man o que é o entroido. Só lle dou un aviso, traia a carteira chea, non o gaste todo no máis top de España! Porque pagará roldas a cada un dos grupos de pantallas que non lle quixeron ir ó gran desfile de máscaras da provincia na capital do carnaval! Contamos que lle vaia ben a festa en Ourense, a boa fe, e que todos ós que lles guste o tinglado ese que montou queden alí e se divirtan todo o que poidan! Porque aquí chégannos os entroideiros, tanto da casa como de fora! Así que xa sabe. En Xinzo de Limia, entroido. En Ourense, carnaval! E para todo o mundo —acórdese don Gonzalo que somos o único entroido internacional—, temos as portas abertas de par en par para quen queira gozar dunha festa que representa a nosa máis fonda tradición galega poida vir!

PD: don Gonzalo, mellor lle fora ir de capuchón á presentación, que polo menos así non pasaba a vergoña de que o coñecésemos ó dicir tanta bobada xunta.

PD: Dende Xinzo saudamos fervorosamente a todos aqueles entroidos irmáns da provincia: Laza, Verín, Sande, Cualedro, Sarreaus, Viana, Vilariño, Buxán, Maceda, Celavente, Manzaneda, As Eiroás, Maside, Seixalbo, A Ponte, Entrimo, Bande, Mugueimes, A Xironda, Riós, Campobecerros, Vilarnaz, A Mezquita e cada pobo que aínda ten a sorte de poder festexar estes días. O voso si que é entroido! Viva o entroido! Vivan as súas capitais!