Anxo Rei pon música aos versos do de Córgomo nunha panxoliña que despide o Ano de Florencio

LA Voz O BARCO

OURENSE

Panxoliña de Anxo Rei con versos de Florencio Delgado Gurriarán As Letras de Florencio

O cantautor usou un poema inédito do homenaxeado co Día das Letras

24 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Anxo Rei volveuno facer. O cantautor valdeorrés que xa puxera música aos versos de Florencio Delgado Gurriarán fai vinte anos volve usar os poemas do protagonista do Día das Letras para sacar un tema musical. Desta volta trátase dunha panxoliña, que foi presentada onte mesmo nun acto celebrada na Aira dos Bolos de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), a mesma na que Florencio xogaba de neno.

«Esta noite é Noiteboa, non hai dor; mais cando a pasemos xuntos ha de ser noitemellor», comeza o poema Panxoliñas que usou Anxo Rei para a súa composición. Os versos están entre os escritos inéditos deixados por Florencio e recollidos por Ricardo Gurriarán na primeira edición da biografía que dedicou ao seu parente. O poema, datado en 1963 en Nova Galiza (México) escribiuno uns anos antes do seu primeiro regreso tralo exilio.

A súa filla Maruxa lembraba estes días como o seu pai cantaba en tódalas reunións familiares, especialmente no Nadal. Case sesenta anos despois, estes versos collen ton e textura na voz de Anxo Rei, acompañado na guitarra e nos arranxos de Jorge F. Ojea. «Tocaremos o pandeiro, bailaremos a muiñeira, cantaremos panxoliñas... ¡Miña madriña, que festa!», di tamén a canción.

Brinde por Florencio con Jorge Moral, Elba Delgado, Anxo Rei, Margarida Pizcueta, Débora Álvarez, Vicente Solarat e Enrique Álvarez Barreiro
Brinde por Florencio con Jorge Moral, Elba Delgado, Anxo Rei, Margarida Pizcueta, Débora Álvarez, Vicente Solarat e Enrique Álvarez Barreiro AS LETRAS DE FLORENCIO

A panxoliña ten un vídeo no que se resume todo o vivido neste ano arredor da figura de Florencio. Ten un papel especial o acto que o 17 de Maio se levou a cabo en Córgomo e que contou coas emocionadas fillas do poeta: Carmiña, Maruxa e Celia.

Coa presentación da canción e un brinde conxunto, desde o proxecto As Letras de Florencio quixeron despedir o ano dedicado ao poeta de Córgomo. Para o 2023 os plans pasan por botar a andar a fundación que se encargará de seguir espallando a vida e a obra de Delgado Gurriarán. Xunto a Rei estiveron Débora Álvarez, directora do proxecto; o alcalde de Vilamartín, Rique Barreiro; os concelleiros de Cultura do Barco e Rúa, Margarida Pizcueta e Vicente Solarat; Elva Delgado, familiar de Florencio; e Jorge Moral, gañador do primeiro premio de poesía FDG.