A exposición estará no espazo celanovés ata o día 22
09 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A exposición itinerante sobre a vida e a obra de Florencio Delgado Gurriarán, que organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística, por ser a persoa á que se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas, chega á Casa dos Poetas de Celanova.
No acto de apertura da mostra estivo presente o secretario xeral, Valentín García, xunto co alcalde celanovés e presidente da Fundación Curros Enríquez, Antonio Puga. Tamén asistiron o deputado provincial e patrón da Fundación, Pablo Pérez; o parlamentario e vicepresidente da mesma, José Luis Ferro. Na inauguración destacouse a relación que Delgado Gurriarán mantivo no seu exilio mexicano con varios fillos da Terra de Celanova, cos que acometeu o proxecto editorial máis ambicioso que se levou a cabo na diáspora no século XX, e que foi a revista Vieiros.
O poeta de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) tivo un papel importante na posta en marcha desta revista que estivo dirixida e producida polo vilanovés Luís Soto, o fillo de Cartelle, Carlos Velo, e o que fora veciño de Bande, Elixio Rodríguez, entre outros.
A exposición estará aberta ó público ata o día 22.