Alexandro e Cacharrón asinan «A senda proscrita»

La Voz

OURENSE

Alberte Paz

Unha exposición e un libro forman parte do proxecto

03 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu na xornada do venres dúas citas vencelladas ao mesmo proxecto: «A senda proscrita». Pola mañá presentouse a exposición coas obras creadas por Alexandro e pola tarde a quenda foi para Alberto Cacharrón, que deu a coñecer o libro do mesmo título. «A senda proscrita» é unha colección de corenta e tres acuarelas creadas polo pintor Alexandro que se inspiraron no texto que Cacharrón escribiu para inmortalizar as historias, lendas e tradicións da Costa da Morte e o impacto do Camiño de Santiago nesta zona de Galicia.

Na presentación da exposición Alexandro e Cacharrón estiveron acompañados polo presidente da Deputación, José Manuel Baltar; o secretario de Política Lingüística da Xunta, Valentín García; o editor José Luis Teófilo e a comisaria da mostra, Fátima Otero. Valentín García salientou que Alberto Cacharrón «sempre nos sorprende coas súas aventuras, camiños e escrituras» e José Manuel Baltar referiuse a Alexandro como «un dos grandes da nosa cultura, que sinte e vive a terra como ninguén». Otero salientou «o altísimo valor antropolóxico da mostra».