Elena Andrés: «Non apostei pola ilustración porque pensaba que non se podía vivir disto»
OURENSE
O traballo da creadora ourensá estará na nova obra do escritor Francisco Castro
28 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Acontece por veces que os desexos van quedando agochados polos recantos. A seguridade pode máis que os soños e a aposta remata por se converter en algo querido, aínda que a paixón vai camiñando aos poucos para tentar chegar a porto. E ocorre, non sempre pero hai espazo para a esperanza, que os desexos esquecidos medran ata facerse realidade. E mesmo pode que cheguen a ser recoñecidos cun galardón nalgunha que outra convocatoria. Para ensarillalo todo máis, ata poderían coincidir varias boas novas que rematen por dar unha maior forza aos camiños por andar.
É o caso de Elena Andrés Rodríguez (Ourense, 1997), que se converteu na gañadora do Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración na súa última convocatoria. O xurado escolleu a súa proposta para formar parte da obra literaria que fora elexida como a mellor das presentadas no apartado literario: Xoán, Xoana, do escritor Francisco Castro. O orixinal do autor vigués está protagonizado por unha nena trans —porque naceu Xoán pero ela acredita que é Xoana— e a obra céntrase na procura da propia identidade e como iso afecta tamén no entorno.
Coñecido o texto gañador procédese a convocar o concurso para ilustrar a obra. E aí foi onde entrou en escena Elena Andrés. Recuncaba na intención de facerse co galardón, e desta vez si que estaba de ser. «Era a segunda vez que mandaba unha proposta ao premio. O ano pasado xa me presentei, aínda que daquela o galardón foi para unha rapaza de Valdeorras —Eva Piay ilustrou a obra O club do coleccionista de selos, de Pablo Nogueira— e as obras estaban moi ben. Desta vez houbo máis sorte e conseguino», sinala a gañadora do Pura e Dora Vázquez de Ilustración.
Elena Andrés Rodríguez desenvolveu o seu proceso de creación artística coa planificación ben clara: «Primeiro les o texto todo seguido. E antes de facer as ilustracións pensas nos personaxes para entender todo o conxunto, escolles aqueles que poden dar máis xogo e que escenas contan cunha maior posibilidade de ter máis atractivo visual... e así comezas a crear os personaxes, un por un, e as ilustracións que cres deberían acompañar ao texto premiado». E atinou co resultado, xa que o xurado que escolleu o seu traballo salientou que as súas láminas «recollen moi ben o que relata o texto, incidindo na expresión dos sentimentos e das emocións».
Para a ilustradora de Xoán, Xoana —que chegará ás librarías no próximo ano— a obra de Francisco Castro gustará aos lectores. «É bastante emotiva. Unha nena conta as súas experiencias e, aínda que non son boas, a historia dá moito xogo e engancha», sinala.
Apostar polo que se desexa
Recoñece Elena Andrés Rodríguez que a súa paixón foi sempre o debuxo —«Teño a casa chea de libretas co traballo que fun facendo durante anos»—, aínda que non contemplaba a faceta artística como unha saída profesional. Así as cousas, pesou máis a súa facilidade para os idiomas: «Dábanseme ben e por iso rematei escollendo o grao de Tradución e Interpretación», lembra. Rematados os estudo en Vigo viu que chegara a hora de apostar pola súa verdadeira paixón, que non era outra que a ilustración. Os seus camiños petaron de novo durante a carreira: «Entre os traballos que desenvolvías na universidade estaba o de traducir obras. No último curso deuse a casualidade de que me tocou un cómic. E volvín a sentir que aquilo era o quería facer de verdade», lembra. E xa non houbo marcha atrás. Matriculouse na Antonio Faílde, onde xa pechou o seu ciclo. A ilustradora ten claro o camiño a seguir. «No seu momento non apostei porque non pensaba que se podía vivir disto. Agora vexo que si é posible e que hai xente de prestixio, mesmo de aquí de Ourense, que o fan. O meu plan pasa por dedicarlle moitas horas ao traballo para conseguir facerme un oco neste mundo», sinala Elena Andrés.
A casualidade fará que se xunten de novo os camiños do escritor e a ilustradora
A decisión do xurado encargado de conceder o Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración fixo que no próximo volume da colección que promove a Deputación de Ourense se xunten nun mesmo libro os traballos de Francisco Castro e Elena Andrés Rodríguez. O que non se sabía é que a ilustradora e o director da editorial Galaxia xa ían camiño de atoparse nun futuro próximo.
A explicación é sinxela. A creadora ourensá ten un contrato coa editora para desenvolver un proxecto de cómic. Presentouse a unha convocatoria de Galaxia para crear unha obra; gustou o seu portfolio, a súa proposta foi seleccionada e agora traballa arreo para facer realidade A brigada iridiscente. «A historia está protagonizada por un grupo de amigos que andan de festa no verán e rematan perdidos nun gran labirinto de inchables. E polo medio aparecerá un sapo xigante e moitas outras sorpresas. Eles están pola tarde xogando e logo a cousa remata desmadrándose. Tamén haberá algo de terror», sinala Elena Andrés Rodríguez.
A obra inaugurará unha nova colección de Galaxia. Ela xa ten claro como poden ser no futuro as historias dos seus personaxes e como crear unha serie de varios volumes.
Quen é
DNI. Elena Andrés Rodríguez naceu en Ourense en 1997.
A súa profesión. Logo de graduarse en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo, formouse na Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde. Como ilustradora traballa en varios proxectos na actualidade.