Peter Punk: «Costoume, pero ao final conseguín comerme a Peter Pan»

x. m. r.

OURENSE

BASILIO BELLO

O pallaso ofrece no colexio Luis Vives o seu espectáculo «Chungo que te cagas»

18 nov 2022 . Actualizado a las 17:25 h.

O 20 de novembro celébrase o Día da Infancia. E como coincide coa proba da San Martiño, no colexio Luis Vives adiantaron a conmemoración para este sábado. A cita é aberta a todas as familias que queiran participar, sexan ou non pertencentes ao centro, e para a ocasión contarase coa actuación de Peter Punk (11.30 horas).

—Que ofrecerá na sesión do colexio Luis Vives?

—«Chungo que te cagas», un espectáculo para todos os públicos onde a columna vertebral son o humor e a comedia.

—Dea máis pistas.

—No escenario estaremos un pallaso e un baúl, do que irán saíndo todos os obxectos que se precisan para unha sesión na que haberá risas, malabares, globos, xogos con lume, unha tarta e moitas máis cousas.

—Muda o formato nas sesións como esta?

—O meu son os espectáculos de rúa e o esquema é o mesmo. Hai cousas que están dirixidas ao público máis novo e outras, chistes ou contos, que aínda que poden ser comprendidas polos máis cativos están dirixidas ao público adulto. Por iso me gusta que as espectáculos veña xente de todas as idades.

—O punk chega mellor?

—Ao comezo viña un neno ou una nena e dicíanme: ‘Ti non es Peter Pan’. Logo de vinte anos de traballo cónstame que hai nenos aos que lles poñen a película e din: ‘Este non é Peter Punk’. Costoume, pero ao final conseguín comerme a Peter Pan, ao clásico (ri).

—Haberá público que medrara con vostede?

—Si. Hai rapazas que ao mellor viñeron de cativas e agora volven cos fillos. Antes pasábano ben co clown e coas cousas de rapaces e agora entenden á perfección os chistes para o público adulto.