San Martiño de Tours

José Pérez Domínguez NO ATRIO

OURENSE

Ourense celebra la procesión de San Martiño
Ourense celebra la procesión de San Martiño Santi M. Amil

A cidade de Ourense festexa ao patrón

11 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Un ano máis achegámonos á catedral de Ourense para celebrar a festa do noso patrón san Martiño. As obras, pouco a pouco, vannos acendendo a luz para contemplar a beleza do templo catedralicio. As reixas de Xoán Bautista de Celma, restauradas de recén, ábrennos os ollos para comprender o acerto dos nosos devanceiros cando deixaron despexada a nave central, aberta ao presbiterio e ao monumental retablo maior de Cornelio de Holanda da seo de Ourense. A fachada oeste, na que se abren as portas principais de templo e na que se vai colocar unha vidreira en consonancia co parteluz da catedral, empeza a descubrir os seus repregues cheos de arte e finura románica.

A Terra Galega foi evanxelizada por san Martiño de Dumio, que, por medio dos concilios de Braga e ca intercesión de san Martiño de Tours, foi quen de achegarnos a relixión cristiá ás xentes romanizadas cultural e relixiosamente polos exércitos da Roma Imperial.

O rei Carriarico e maila curación milagrosa do seu fillo pola intercesión do santo francés fixeron posible o cristianismo nas terras ourensáns. Tanto é así que a diocese de Ourense, con doce arciprestados, ten santuarios dedicados a san Martiño de Tours e moitas das súas parroquias teñen ao Santo da Pannonia Húngara coma o seu patrón. Dende o norte ao sur, dende o leste ao oeste, Ourense vai sinalado polo icona da misericordia e da xenerosidade do seu patrón Martiño de Tours. O feito de compartir a súa capa con pobre mendigo nas portas de Aquisgrán define a grandeza e o carácter do garda da corte imperial. Dende O Carballiño (Beariz, Cameixa, Lago, Lamas e Sagra) e Ribadavia (Balde, Valongo e Zaparín), ata a Baixa Limia (Arauxo e Grou) e a Limia (Abavides, Aguís, Borrán, Candás, Castelaus, Porqueira e Rebordondo); dende Celanova (Berredo e Loiro), Allariz (Pazó) e os Milagres (Nogueira de Betán, Pedrafita, Presqueira e Sacardebois) ata Verín (A Mezquita e Mourazos) e os arciprestazgos de Ourense, Norte (Cornoces, Gueral e Villarrubín), Leste (Moreiras, Nogueira de Ramuín e Sabadelle) e Oeste (Alongos). Tódolos arciprestados, agás o de Ourense Sur, festexan a san Martiño de Tours como titular dalgunha das súas parroquias.

A liña pastoral marcada por Martín de Tours, xa fai 18 séculos, adiántase a tódolos métodos de pastoral implantados na Igrexa ata os nosos días. Hoxe estamos recreando as Unidades de Pastoral nas dioceses de España e tamén na de Ourense: sacerdotes con un grupo de catequistas e laicos comprometidos para levar adiante a misión evanxelizadora nunha parcela da Igrexa diocesana. Nin máis nin menos do que facía san Martiño. Nos mosteiros creados por el mesmo agrupábanse os monxes, que logo, despois de compartir vida, espiritualidade e formación humana e intelectual, marchaban as parroquias que o mesmo san Martiño deseñará: divisións territoriais con características similares e, por ilo, con métodos pastorais parecidos. Neste ano, estreando as reixas de Bautista de Celma restauradas de recén, participaremos na Eucaristía, presidida polo bispo na catedral e por primeira vez en rito mozárabe.