Ourense acolleu o inicio das actividades da Rede Iberoamericana de Mujeres para la Acción Climática
OURENSE
A plataforma reivindica un enfoque de xénero no estudo e toma de decisións sobre o cambio climático
22 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O Campus de Ourense acolleu a reunión que marcou o inicio das actividades da Red Iberoamericana de Mujeres para la Acción Climática. Dende a mesma incídese no feito de que o fenómeno do cambio climático non é neutral ao xénero, unha circunstancia que amosan indicadores como as cifras de refuxiadas climáticas ou de incremento da violencia de xénero ante situacións económicas adversas asociadas co impacto de fenómenos como as secas.
Co obxectivo de contribuír desde a comunidade científica a loitar contra as inequidades do cambio climático e reivindicar un enfoque de xénero no seu estudo e toma de decisións, foi polo que se creou recentemente a Red Iberoamericana de Mujeres para la Acción Climática (IBWoClima). Arrancaron este venres as súas actividades no Campus de Ourense, sendo o grupo EPhysLab-CIM da Universidade de Vigo un dos promotores da rede.
O primeiro evento desenvolveuse na Facultade de Ciencias do Campus de Ourense e consistiu nunha mesa redonda titulada «Inequidades do cambio climático: por que necesitamos un enfoque de xénero?». Na mesma participaron Águeda Gómez (UVigo), Ana M. Durán (Costa Rica), María Concepción Gimeno (Universidade de León), Paola A. Arias (Colombia), Ana Russo (Lisboa) e Ana M. Vicedo (Suíza). Raquel Nieto e Coral Salvador, organizadoras da mesa, investigadoras do EPhysLab-CIM e membros da rede, salientaron que «o cambio climático antropoxénico é un fenómeno cargado de desigualdades».