Francisco González Bouzán: «Crear un certame para axudar aos artistas novos foi todo un acerto»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

O director do Simeón foi o encargado de crear o proxecto nun edificio sen contido

17 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A de Francisco González Bouzán (A Peroxa, 1960) ben podería ser unha desas historias de emigración que tanta presenza están a ter na literatura galega nos últimos tempos. Lémbrase de Armental —«xa só quedan tres casas habitadas e uns cinco ou seis veciños»— e de como rematou sendo un neno que vivía feliz na rúa naqueles tempos nos que o barrio de A Ponte era como un patio de veciños onde todos se coñecían. Do pobo baixou para a cidade cando a súa nai decide marchar á emigración a Alemaña para loitar por un futuro mellor para os dous. «Tiña oito anos e viñen para Ourense a vivir cunha irmá da miña nai».

Foron anos de estudante en Salesianos e de gozar da liberdade dunha vida sen as presións das actividades complementarias e as teimas dos pais do século XXI por deseñar aos líderes do futuro. A rúa era o universo.

Tamén garda memoria das xornadas infindas para pasar os veráns coa nai en Heilbronn: «En tren botaba case dous días de viaxe para chegar», lembra. Cando ía en coche a cousa melloraba algo. Sempre na compaña dun familiar, por ser menor.

Á comunicación chegou de mozo, da man dun veciño do barrio. Luis López Salgado, Pitis, colleuno de colaborador en Galicia Viva e Radial Press. Xornalismo era unha opción imposible e non precisamente barata, había que ir a Madrid, e rematou licenciándose en Psicoloxía. Carreira que nunca exerceu porque á volta contratouno Luis Rivas Villanueva para seguir no sector da comunicación.

Traballaba na Radio Galega, e colaboraba nun xornal, cando José Luis Baltar —ao pouco de exercer como presidente—lle ofreceu ser xefe de prensa da Deputación. A resposta foi negativa. «Marchamos pasar unha semana de vacacións a miña muller e máis eu ao Algarve. Ao volver empezou toda aquela polémica das listas negras nos xornais, e decidín aceptar. A condición que puxen foi que ía ser un ano, porque non sabía se iso ía funcionar ou non nos íamos entender», lembra. Era xuño de 1990 e funcionou, xa que Francisco Gonzáez Bouzán seguiu de xefe de prensa da Deputación ata a renuncia de Baltar Pumar no 2010.

Ao Simeón chegou pola vía dos feitos consumados. Logo dunha exemplar rehabilitación, e dunha xornada de portas abertas, o edificio ficou pechado. Pasaban xunto a el, camiño do Concello, cando Francisco González lle apunta ao presidente da Deputación que «había que facer algo con isto, porque leva xa un tempo pechado e calquera día vanlle sacar as cores dende a oposición». Meu dito meu feito. «Pois a ver que se che ocorre», zanxou José Luis Baltar.

«Arrancamos sen nada. Tres mesas en dúas habitacións. Con dúas persoas do servizo de Cultura, Sonia e Camilo, e sen teléfono. Usabamos uns móbiles que eran das Xornadas de Folclore. Os dous primeiros anos foron de loucura: houbo que modificar cousas na reforma para adaptar o edificio ás exposicións e fomos aprendendo a base de probar. Daquela, comezamos en decembro de 1999, tardabamos unha semana en montar unha exposición. Hoxe faise nunha mañá ou nun día». Non foi fácil e houbo que vencer moitos prexuízos entre os artistas e as institucións. Case 23 anos despois o centro «é un referente no sector e os artistas valoran o noso traballo e o trato que se lles dá», sinala.

Posto no compromiso de escoller algúns dos proxectos desenvolvidos nestes anos destaca as dúas mostras de Goya e as de Picasso, Sandro Chia, Warhol, a de Pop Art, Paco Pestana ou Quintana Martelo, entre outras. Sumar a Sala 0 —espazo previsto para unha cafetería— e, sobre todo, promover o concurso para mozos son outros aspectos destacados. «Crear un certame para os artistas novos foi todo un acerto, unha gran decisión. É unha axuda para os que están empezando e nestas vinte edicións conseguimos ser unha referencia para os mozos. Na última edición chegaron máis de cincocentos traballos, procedentes de quince países», sinala Francisco González.

A fuxidía carreira política no 2015 dunha «persoa sen aspiracións»

A estabilidade e lonxeva traxectoria de Francisco González Bouzán na dirección dun espazo polo que pasan milleiros de persoas ano ano contrasta coa súa efémera carreira política. Nomeado primeiro tenente de alcalde, responsable de Persoal e portavoz municipal do Concello de Ourense cando Xesús Vázquez gañou as eleccións, tivo que renunciar aos poucos días. «Sempre puxen como condición que non ía deixar o meu traballo, que era unha persoa sen aspiracións políticas, que non ía vivir diso e que compatibilizaría as dúas cousas de chegar o caso», lembra sobre aquel verán do 2015. Mais non foi a cousa como parecía. «Aos quince días empecei a ter presións: que tiña que decidirme por unha cousa ou a outra. Cando legalmente a compatibilización era posible. E como non tiña aspiracións políticas, renunciei. Non tiven unha soa satisfacción, pero non me arrepinto».

DNI

Quen é. Francisco González Bouzán naceu en 1960 no pobo de Armental, no municipio de A Peroxa.

A que se dedica. É o director do Centro Cultural Marcos Valcárcel. Ata o 2010 compaxinou a responsabilidade coa de xefe de prensa da Deputación. 

O seu espazo. O vello Edificio Simeón, centro ao que chegou cando non había outra cousa que un inmoble histórico rehabilitado. Dende decembro de 1999, data de apertura ao público, encargouse de dirixir o centro expositivo da Deputación e darlle contido a un proxecto do que salienta a acollida que ten entre os artistas.