«A experiencia demostra que hai actores políticos e hai actores como Luis Zahera»

x. m. r.

OURENSE

Cedida

O Centro Comercial Ponte Vella ofrecerá este luns o monólogo «Chungo»

09 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Luis Zahera non para. O mesmo leva un Goya que remata sendo un dos protagonistas dalgunha das series máis aclamadas dos últimos anos. Bolos, pregóns e festivais tráeno atarefado. Chega a Ourense para participar este luns no 21 cumpreanos do centro comercial Ponte Vella. O espectáculo, polo que en Madrid hai que pagar unha entrada de 20 euros, será gratuíto. E despois conversará co público. 

—Con que monólogo virá a Ourense?

—Con «Chungo». É un espectáculo no que fago un repaso da miña vida, e de como cheguei ata aquí. E aí aparece de todo, dende o Zahera de hai moitos anos ao que rematou facendo de malo, e polo medio saen Gayoso e moitas outras cousas coñecidas.

—Goya como secundario, series recoñecidas como «La unidad o «Entrevías»... non para.

—A verdade é que non me podo queixar. Neste momento teño moitísimo traballo e con isto da revolución dixital cada vez hai máis posibilidades para que aparezan proxectos ou te chamen para facer algunha cousa. É certo que sempre traballamos os mesmos pero síntome afortunado.

—En que está agora?

—Veño da rodaxe dunha película de Bucarest e estou feliz, porque son menos malvado do que me tocou facer neste últimos anos.

—Evolucionará hacia un papel protagonista e sen o estereotipo de malo?

—Creo que vai ser imposible, ou moi difícil. Cando xa tes unha idade e unha carreira xa é complicado. E de malo non me vai nada mal.

—O mozo ao que foron «visitar» os policías pola pancarta de que non se aceptaban hóspedes durante unha visita do Rei a Compostela contaba con chegar a que é agora?

—Non creo. Había días que si, que tiña claro que o ía conseguir e dedicar ao que agora fago, e outros nos que cavilaba en que non ía ser posible. Bueno, como di miña nai, o importante é ter traballo (ri).

—Agora que Feijoo se foi a facer os madriles como valor en alza non lle faltará un papel.

—(Ri) Se a alguén se lle ocorre facer un «biopic» de Feijoo o papel é meu seguro. E non me fai falta nin preparalo. Ao meu irmán maior —Feijoo e Zahera fixeron unha peza audiovisual semellando ser irmáns— xa lle teño collido o maquiniño e non me vai facer falta estudar o guión. Ademais, os políticos son a competencia desleal dos actores. A experiencia demostra que hai actores políticos e actores como Luis Zahera.

—Vai manter un encontro co público. Que lle pregunta a xente neste tipo de sesións?

—De todo. Respondo a todo o que queiran. Ser un personaxe público esperta certo interese e a xente quere saber cousas, do que fas, como te sentiches nesta situación ou naquela.