
O traballo da ourensá acompañará o texto orixinal de Francisco Castro
07 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.As obras de Elena Andrés Rodríguez ilustrarán o libro «Xoán, Xoana», do escritor Francisco Castro. O traballo da ourensá foi o escollido polo xurado encargado de conceder o Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración. Graduada en Tradución e Interpretación, Elena Andrés vén de rematar os seus estudos na Escola de Arte e Deseño Antonio Faílde e na actualidade prepara diversos traballos profesionais.
O xurado encargado de conceder o Pura e Dora Vázquez de Ilustración, dotado con 1.500 euros, estivo presidido pola deputada de Cultura da Deputación, Patricia Torres, actuando como secretaria Ana Malingre, e como vogais David Canda, Antón Alonso, Xosé Antón Dorrío e Isabel Mociño. Os membros do xurado destacaron, ao dar a coñecer a súa decisión, que as láminas de Elena Andrés Rodríguez «recollen moi ben o que relata o texto, incidindo na expresión dos sentimentos e das emocións». Unha valoración que tamén destaca a adaptación das imaxes ao público ao que vai dirixido, así como «a riqueza de detalles que configuran cada plano e a portada».