O OUFF comeza as súas proxeccións coa estrea mundial de «O home e o can»

La Voz

OURENSE

CRIS PADÍN

A gala inaugural do Festival de Cine Internacional de Ourense acollerá a entrega de varios dos premios deste ano

23 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Do 23 de setembro ao 1 de outubro • 20.30 horas (gala inaugural) • Auditorio de Ourense • O Festival de Cine Internacional de Ourense comeza as súas actividades e faino, como xa é tradición, coa gala inaugural que se celebra esta tarde no Auditorio de Ourense. Unha primeira cita do OUFF que desta volta chega cun claro protagonismo ourensán: a estrea mundial da película «O home e o can», cinta dirixida por Ángel de la Cruz e rodada na provincia. San Cristovo de Cea, Ourense e Manzaneda, entre outros, foron os escenarios onde se gravaron as imaxes. «O home e o can» é unha película que conta con Manuel Manquiña e Paula Chaves como protagonistas e na que participan Estíbaliz Veiga, Gonzalo Uriarte, Isabel Blanco e Manuel Lourenzo. A nova obra de Ángel de la Cruz, un traballo de baixo custe e con chiscadelas ao neorrealismo italiano, céntrase na historia dun home que vive só na aldea xunto ao seu can. O protagonista remata tendo que baixar á cidade, ese territorio no que non se entende e que lle resulta alleo, na procura de asistencia veterinaria para curar ao seu can, ferido nun accidente. O animal fuxe e cando anda á súa procura coñece a Paula, unha moza marxinal que vai sobrevivindo a base de pequenos traballos. A busca do can remata por se converter na da filla do home, unha nena que segundo lle dixeron morrera de cativa aínda que el non o cre.

 

O Festival de Cine Internacional de Ourense acollerá as estreas españolas de «O corpo aberto», de Ángeles Huerta; «El tirabeque», de Darío Autrán; «Kumo Kosa Ta? Recuerdos de Palenque», de Adrián Canoura e un pase especial de «A mazá de ouro», de Jaime Chávarri.

 Entrega de distincións

A gala inclúe cada ano a entrega dos premios honoríficos do festival. Entre outros, están citados para recoller os seus galardóns Chechu Salgado, Carlos Faruolo, Pablo Trapero e Lucía C. Pan. O sábado proxectaranse doce películas e documentais.