Buciños, o escultor coa sabiduría do labrego, é Fillo Adoptivo de Ourense

La Voz

OURENSE

MIGUEL VILLAR

O artista agradeceu un recoñecemento que calificou como «un honor grandísimo»

21 sep 2022 . Actualizado a las 18:15 h.

A Manuel García Vázquez (Buciños, Carballedo, 1938) chamouno a madeira dende cativo. Enleouse na mesma no obradoiro familiar e botouse a armar xoguetes e outros trebellos cos anacos que ían quedando por alí. Aos 10 anos foise estudar a Ourense —tivo como profesor de debuxo ao recoñecido Xesta— e grazas a unha axuda da Deputación de Ourense marchou a Madrid para licenciarse en Belas Artes.

Moitos anos despois un artista chamado Buciños —Eduardo Blanco Amor convenceuno para que escollese o topónimo do seu pobo como nome artístico— accedeu ao salón de plenos da mesma institución que o apoiou na súa formación para recibir o título de Fillo Adoptivo da provincia de Ourense. O director do Arquivo Histórico Provincial, Pablo Sánchez Ferro, fixo a laudatio do artista tomando como símbolo unha voluta de madeira para facer un percorrido pola súa obra e por unha traxectoria por onde camiñaron persoeiros como Vicente Risco —que definiu como Os artistiñas ao grupo de mozos novos que se xuntaban con el na taberna do Tucho, bautizada logo como O Volter—, Carlos Casares, a amizade e admiración recoñecida por Ramón Otero Pedrayo, Blanco Amor e moitos outros. Foi Casares quen, á volta de Buciños á cidade logo da etapa madrileña, definiu ao escultor como «un rapaz delgado, de nariz contundente e ollos grandes, e que actuaba coa sinxeleza sabiduría dun labrego».

Coa emoción protagonizando a súa intervención, Buciños referiuse á entrega do nomeamento de Fillo Adoptivo da provincia de Ourense, como «un honor grandísimo que non vou esquecer na vida». Calificou de «momento moi especial» o vivido e tivo palabras de agradecemento para os seus amigos, para os compañeiros do barrio de A Ponte, recoñeceu a mágoa da ausencia das súas netas —«non puideron vir porque están no cole»— e tivo una especial lembranza para «o meu amigo da alma, Carlos Martínez».

O presidenta da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, citou a José Martí para sinalar que «honrar honra» e afirmou que os verdadeiros honrados «son as mulleres e os homes ourensáns de todas as xeracións, tamén do futuro que poden gozar da súa obra». No acto participou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.