Noventa anos non son nada

Juan M. Casares MEDIDA DAS COUSAS

OURENSE

Alejandro Camba

19 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai anos caín na conta de que unha cousa é relatar unha historia e outra ben distinta posuír historia. Así mesmo fun quen de comprender que o camiño que conduce dende a aparencia das cousas ata a realidade das mesmas, tal e coma adoita ocorrer con todos os aspectos que atinxen ao acontecer humano, percórrese apoiado na capacidade que temos de reflectir fielmente tal realidade ou, no caso que nos ocupa, de demostrar documentalmente a veracidade da devandita historia. E é que dentro do abano de máximas polas que intento dirixir o meu comportamento hai dúas que procuro non esquecer endexamais: as cousas son o que son e poucas veces o que semellan, e a verdade é sempre o camiño máis curto.

O pasado mércores cumpríronse noventa anos do recoñecemento oficial de O Ribeiro como Denominación de Orixe, canda outros dezaoito territorios, a través da publicación dun Decreto do, daquelas, Ministerio de Agricultura, Industria y Comercio na Gaceta de Madrid de 13 de setembro de 1932. Esta norma transformouse meses despois nunha lei coñecida coma o Estatuto do Viño. Consignábase nese intre a realidade dunha enocomarca que vivía dun viño de calidade recoñecida ao longo do tempo e permítenos hoxe demostrar que cando nos fartamos de dicir que O Ribeiro é a DO máis antiga de Galicia e das primeiras de España podemos sustentar a nosa verdade con documentos de validez oficial.

Son polo tanto noventa os anos de historia oficial como Denominación de Orixe que acreditamos, porén son séculos de vida real como enocomarca os que atesouramos. Por aquí pasou moita xente e todos deixaron unha pegada no territorio e isto é certo até o punto de que a historia, e o patrimonio arquitectónico ligado a ela, constitúen o terceiro alicerce do edificio turístico que dende a Ruta do Viño do Ribeiro estamos a erixir dende hai catro anos.