Xabier Díaz cítase cos seus amigos na praza Maior da vila de Celanova

La Voz

OURENSE

cedida

O concerto forma parte do ciclo Revenidas do Xacobeo

17 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • 21.00 horas • Praza Maior de Celanova • De balde • Xabier Díaz é un dos artistas galegos de maior proxección e que leva toda a vida vencellado á música galega, dende os seus comezos como gaiteiro ao seu paso por Xacarandaina, Rumbadeira ou a súa participación no proxecto da Nova Galega de Danza. Chegou logo a etapa de Berrogüetto e durante seis anos, do 2008 á disolución da banda no 2014, sucedéronse os traballos e os premios. Viñeron logo moitas experiencias, como aCadaCanto, e moitas colaboracións, con parceiros como Guadi Galego, Budiño, Kepa Junquera e moitos outros.

 

A última proposta de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre é O Camiño da Pedra, un concerto que hoxe chega á vila de San Rosendo dentro do Ciclo Revenidas do Xacobeo.

 

Na presentación da sesión desta tarde Díaz lembrou que «de pedra e poesía, de música e vento están feitos os camiños que nos levan a Celanova, un camiño interior, sosegado e curioso, amable e acolledor, un camiño que convida a iso que dan en chamar ‘mindfulness’ ou o desfrute do que acontece agora, neste momento sen urxencia». Diferentes camiños no que o artista se foi atopando con compañeiros que remataron por se converter en amigos.

De Cataluña a Escocia

E en Celanova atoparanse artistas de Cataluña, Portugal, Castela León, Galicia e Escocia para respostar ao convite do galego e compartir escenario con el.

Para acompañar a Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, e repasar os temas máis significativos dos seus repertorios, contarase coa presenza de Margarida Mariño (Galicia), Daniel Pereira (Portugal), Carola Ortiz (Cataluña), Carlos Herrero e Héctor Castillejo, músicos do grupo El Naán (Castela e León), e os artistas Donald Shaw e Karen Matheson (Escocia).