
O autor presenta «O Instinto de Alazán» en Sandiás
28 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Durante a corentena, Edelmiro Mateo comezou a escribir o que sería comparado cunha guía de culto para todo bo cigarrón de Verín. O instinto de alazán é a obra que presentou en Sandiás.
—Como xorde esta historia?
—Coa pandemia non podíamos ir no ano santo a Santiago, entón decidín traer a Santiago a Verín, saqueino da tumba e tróuxeno aquí a facerme unha visita. Pero para iso hai unha razón paralela, que é unha promesa dun carpinteiro de Verín que lle fixo á súa muller na súa última visita á cidade compostelá na súa lúa de mel. Os capítulos impares están dedicados á peregrinación de Santiago, mentres que os pares, á familia de Verín. Máis adiante, os dous camiños únense e rematan xuntos na misa maior no ano do Santiago.
—Cal foi o seu principal obxectivo á hora de escribir a obra?
—O que quería era entreter ensinando. E se chega a emocionar, facer sentir a partir dunhas letras frías, realmente as horas que lle dediquei mereceron a pena.
—Que pretende amosar cos contidos que o lector pode atopar no interior?
—Este non é un libro de historia, pero fala sobre a lenda de Santiago Maior e do camiño de Santiago. Tamén recolle os antigos oficios e costumes de Verín, de onde son eu. É unha obra que pretende venerar as tradicións e a calquera pobo. Vou intercalando entre os diálogos pezas de música, porque eu son músico, e sei que a xente memoriza máis fácil e rápido unha canción que un texto. E xunto coa música, van tamén reunidas receitas tradicionais galegas, do licor café, da torta de Santiago, etcétera. É unha novela para ir subliñando, que ten filosofía.
—Que papel xogan o Santiago cos cigarróns de Verín?
—Este é un tratado da melancolía que ten unha defensa moi grande do carnaval de Verín. Hai un diálogo entre o apóstolo e o cigarrón de pedra que hai no centro de Verín moi entenrecedor, que chega a emocionar.
—Por que O instinto de alazán?
—Alazán é o cabalo de Santiago. É un símbolo do apóstolo que o facía único, como a cuncha da vieira e a cruz de Santiago. Este libro tamén fala do respecto á natureza e aos animais, sobre todo mentres se está a facer o camiño da peregrinación cara a cidade compostelá ou de volta, como fai o apóstolo na obra cara Verín.