Montse Lama, tras regresar ao PP de Ourense: «A calquera político gústalle ir nunhas listas electorais»

Miguel Ascón Belver
Miguel Ascón OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Montse Lama deixou o PP no 2019, fichou por Ciudadanos e agora volver á formación popular.
Montse Lama deixou o PP no 2019, fichou por Ciudadanos e agora volver á formación popular. MIGUEL VILLAR

A deputada provincial, ex de Ciudadanos, di que no seu día marchou do Partido Popular por motivos persoais e que agora volve porque «nos unen os mesmos ideais»

02 ago 2022 . Actualizado a las 07:48 h.

Tres anos a medio durou a viaxe de ida e volta de Montse Lama Nóvoa (Xinzo de Limia, 1985). En febreiro do 2019, sendo deputada provincial do goberno de José Manuel Baltar, deixou o PP. Fichou por Ciudadanos e grazas a esa marca volveu á Deputación. Pero pronto tivo diferenzas coa dirección dese partido, que acabou abandonando no ano 2021. Desde entón, como non adscrita, ten maos libres para pactar co PP e os populares negociaron con ela para sacar adiante a xestión diaria da institución. Nese proceso, a relación de Lama co partido recompúxose, segundo relata a deputada: «O que nos demos conta, e supoño que desde fóra tamén se deu conta todo o mundo, é que nos unen os mesmos ideais. A proposta estaba enriba da mesa desde hai moito tempo e decidín dar o paso».

—Cando marchou do PP no 2019, fíxoo dicindo que Ourense merecía «mellores políticos» e agora volve a ese partido, onde os políticos seguen sendo practicamente os mesmos.

—Eu ao que me refería era ao Concello de Xinzo e ao PP de Xinzo. Foi unha época moi complexa para min a nivel persoal, e a nivel político tamén, que me levou a tomar unha decisión moi difícil de abandonar a miña casa, que era o PP. Foron cuestións persoais que non tiveron que ver coa dirección provincial do Partido Popular.

—Di que tiña a proposta de volver desde hai tempo. Por que toma decisión agora? Hai quen podería interpretar que é un golpe de efecto para contrarrestar a ruptura de Jácome co goberno de Baltar.

—Realmente non había que contrarrestar ningunha fractura porque xa contaban co meu apoio desde hai moitos meses. É dicir, o goberno non depende de Jácome e de Armando Ojea. É unha decisión que tomei persoalmente e que decidín tomar agora, porque penso que é bo que a dez meses das eleccións os votantes saiban cal vai ser a miña posición de cara ás eleccións do ano 2023.

—Precisamente, cal será a súa posición? Candidata en Xinzo? Membro da lista na capital ourensá?

—É algo que está por definir entre a dirección provincial do partido e máis eu. Onde eu mellor poida responder ás demandas dos veciños.

—Dígolle o da capital porque vostede vive aquí e é algo co que se especula desde hai tempo.

—Tense falado de moitos concellos aos que podería ir, cinco ou seis. Pero a realidade é que a día de hoxe non está decidido. Ao pasar o verán tranquilamente nos sentaremos e decidiremos onde podo dar o mellor de min mesma.

—Pero quere ir en listas electorais, non?

—Eu teño unha vocación política de axudar aos demais e desde logo, claro que si, a calquera político gústalle ir nunhas listas electorais.

—Vostede en Xinzo apoiaba moitas decisións do goberno cuadripartito liderado pola socialista Elvira Lama. E agora?

—Aínda non concretamos estas cuestións. Si que falei con Toni [Antonio Fernández Veiga, portavoz do PP en Xinzo], que me chamou onte para darme a noraboa e a benvida, pero son cuestións que temos que ir falando. Eu creo que todos temos que tender a mao aos grupos de goberno, pero Elvira xa está en plan eleccións e estoume sentindo un pouco atacada nos plenos.

—Que futuro lle augura a Ciudadanos na provincia de Ourense?

—Pois na nosa provincia e en todo o país o que vai pasar con Ciudadanos é que vai desaparecer, por desgraza. E digo por desgraza porque tiña un proxecto moi bonito, pero Albert Rivera e Inés Arrimadas equivocáronse e o partido desaparecerá. E agora o que me gustaría é que esas forzas se uniran no PP e, sobre todo, no PP de Feijoo, que considero que é un candidato moi distinto a Pedro Sánchez.

—Cre que Pepe Araújo, voceiro de Ciudadanos na capital ourensá, seguirá o seu mesmo camiño e volverá tamén ao PP?

—A verdade é que non o sei, non sei se quererá volver ou se se vai presentar por Ciudadanos. Sei que se leva moi ben, e eu tamén, con Manuel Cabezas, que son moi amigos desde hai moitos anos, pero tampouco iso quere dicir que vaia volver ao Partido Popular.