Daniel Lorenzo, director de instituto: «A selectividade é un síndrome para os rapaces e para as familias»

Ruth Nóvoa de Manuel
Ruth Nóvoa OURENSE

OURENSE

Daniel Lorenzo, no instituto Otero Pedrayo de Ourense, que dirixe
Daniel Lorenzo, no instituto Otero Pedrayo de Ourense, que dirixe ALEJANDRO CAMBA

O responsable do IES Otero Pedrayo de Ourense, un dos históricos de Galicia, quere achegar á cidadanía a riqueza histórica e patrimonial do centro educativo

29 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando Daniel Lorenzo (Ourense, 1979) se senta á mesa no seu despacho vixíano, desde os cadros das paredes, un bo número de persoeiros, entre eles, o que lle dá nome ao centro educativo que dirixe, Otero Pedrayo. É un dos institutos históricos de Galicia e ten moito de museo. E non é unha forma de falar.

—Non é un instituto calquera.

—Distínguenos a riqueza patrimonial: posiblemente teñamos as mellores pezas de arquitectura civil de Ourense. O paraninfo é inigualable, non hai nada semellante en toda España. Os titulares da época, cando se inaugurou o instituto, xa marcaban este edificio como un dos máis maxestuosos dedicados á docencia de España. Pero o que máis nos distingue é a historia (cumprimos 125 anos) e a cantidade de xente que pasou por aquí. A Xeración Nós, por poñer só un exemplo.

—¿Coñecen os rapaces esa historia?

—Encargámonos de que en primeiro da ESO fagan unha visita guiada. De feito, unha das cousas que pretendo facer é achegar a nosa riqueza a toda a cidadanía. Somos una sección do Museo Pedagóxico de Galicia e fai dous anos musealizamos o centro. Agora vas polos corredores do instituto e podes atopar unhas esferas de Magdeburgo, un exemplar do carta xeométrica de Domingo Fontán ou un fonógrafo de Edison.

Paraninfo del instituto Otero Pedrayo
Paraninfo del instituto Otero Pedrayo Santi M. Amil

—De pequeno quería ser...

—Sempre me quixen dedicar á docencia. Ademais venme de familia. Pero durante moito tempo da miña xuventude parecíame imposible conseguilo. A finais dos 90 era moi complicado, apenas saían prazas, sobre todo da miña especialidade. Para min é un soño ser profesor.

—Estudou Historia. Pensa que non se valoran o suficiente as humanidades?

—Si que se percibe ese valor que se lle dá ás cousas prácticas: ás enxeñerías, ás matemáticas... Obviamente teñen unha importancia que non se pode negar. Pero sen as humanidades non podemos vivir. Hoxe sabemos que os físicos teñen que contratar a filósofos para entender os seus propios descubrimentos e que lles dean un armazón teórico! Coller a un neno orientado ás humanidades porque ten moi boas notas e dicirlle ‘non vaias por aí’ é unha barbaridade. Non vai ser feliz e non vai ser bo no seu. Pero penso que a nivel social estase a recuperar esa consideración da filosofía, das linguas clásicas...

—Están sendo días complicados, con todos os cambios?

—Os anos de pandemia foron moi complicados así que a partir de aí xa non o parece tanto. Implantouse unha nova lei educativa cuns prazos de aplicación moi rápidos, demasiado rápidos na miña opinión. Estamos cos cambios de currículos e de calendario escolar. Toda a planificación do curso que ven ten que quedar xa feita.

—E cambiará a forma de ensinar.

—Unha das poucas cousas positivas que tivo a pandemia foi que en seis meses demos un cambio equivalente a quince anos na capacitación do profesorado, no cambio metodolóxico, e tamén no alumnado.

—E as novidades no selectivo?

—Ese é un debate inacabable. Ten que haber un método de selección ante unha oferta limitada, pero ningún vai ser completamente xusto.

—Preocúpanlle as clasificacións que se fan a raíz das notas?

—Non me preocupan en absoluto. Temos moi bos resultados. Pero non podemos valorar o traballo dun centro polas notas de selectivo. Hai moitas formas de chegar a esas notas. Non é o mesmo un centro cun perfil de alumnado cunha situación socioeconómica moi boa que outro centro onde, polas circunstancias, é un éxito que un rapaz acabe a ESO. Un 7 pode ter máis valor e máis esforzo. Hai moitas outras cousas que teñen que ser valoradas, como o nivel de convivencia. Que o rapaz entre e saiba que este é un entorno seguro. Ou as actividades extraescolares: non todos son fillos de familias con determinados recursos. Hai nenos que a primeira vez que ven Madrid é na excursión do instituto e iso é algo que hai que valorar moitísimo.

—Somos conscientes do difícil que é elixir que se quere ser con 16 ou 17 anos?

—O segundo de bacharelato é un curso terrible. A ABAU é un síndrome para os rapaces e para as familias, machácaos mentalmente. É un curso moi estresante. Hai algúns rapaces que teñen moi claro o que queren estudar e moitos outros que non saben o que queren facer. E é normal que non o saiban.

—Séntense recoñecidos como profesores?

—Unha das alegrías máis grande deste ano foi que os alumnos do 2020 viñeron a pedirnos unha despedida. Dous anos despois! Significou un recoñecemento brutal polo que nos dicía do felices que foron aquí. Eu si me sinto recoñecido, pero os profesores non necesitamos ser estrelas.

—Traballan con material sensible. Co máis sensible.

—Non podemos perder de vista que cando unha familia deixa o seu fillo aquí estamos dando durante a metade do día o máis importante que ten.

—Os profesores teñen un papel fundamental. Para ben e ás veces para mal. Algún que lle influíra?

—Unha persoa que me marcou moitísimo foi un profesor de Dereito Administrativo (cursei o primeiro ciclo despois de Historia), que é unha materia árida. Pero a súa forma de impartir a docencia fascinoume. É Roberto Bustillo.

—E ao revés? Algún exalumnos lle ten dito que lle fixo ben.

—O ano pasado veume visitar un rapaz que aprobou as oposición de filosofía e fora alumno da primeira clase que din aquí no Otero Pedrayo cando facía prácticas. Fíxome moita ilusión.

Daniel Lorenzo é o director do IES Otero Pedrayo
Daniel Lorenzo é o director do IES Otero Pedrayo ALEJANDRO CAMBA

—Como profesor de historia, se tivera unha máquina de tempo, a que época viaxaría?

—Visitaría a Roma do século I. Pero non para vivir nela! Vivimos na mellor época e na mellor zona.

—Recoméndenos algún libro.

—Gústame moito Vargas Llosa. Por exemplo La guerra del fin del mundo. E teño que dicir un de Otero Pedrayo: Arredor de si. Pero o certo é que leo máis ensaio ca novela. E aí elixiría Nuestra especie de Marvin Harris.

—Fútbol ou baloncesto?

—Ciclismo!

—Íalle preguntar por un personaxe histórico pero case mellor dígame un ciclista preferido.

—Miguel Induráin. Cos ollos pechados. Calquera da miña idade non pode dicir outra cousa. Non só polo que gañaba se non por como gañaba. Era un exemplo de vida.

—Falando da vida, o máis importante?

—A familia.

—Algo que non tolere.

—O clasismo.

—En que inviste o tempo libre?

—Na familia, nos amigos... e na bicicleta.

—Algunha ruta?

—Calquera que pase pola Ribeira Sacra.

—Pero esas son duras.

—Son duras, pero compensan.

—Defínase.

—Son un tipo normal.

—E se tivera que elixir a un dos persoeiros que pasou por este instituto.

—Como don Ramón non hai.