«Na miña obra a muller está moi presente dun xeito reivindicativo»

María Doallo Freire
maría doallo OURENSE

OURENSE

Miguel Villar

A artista ourensá presentou «O que comen as bruxas» no espazo expositivo de Roberto Verino

09 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A artista ourensá Clara Martín aínda non expuxera nada na súa cidade natal, ata este luns, día no que inaugurou no espazo de arte de Roberto Verino a súa mostra «O que comen as bruxas». As obras poderán verse na planta baixa da tenda situada na rúa do Paseo ata o 3 de setembro.

—Cómo presentaría esta nova exposición?

—Trátase dunha colección de 22 obras, máis unha que é a principal, a que da significado á mostra, que se chama «Xénese». Están todas feitas con colaxes, unha técnica que consiste, como todos sabemos, en recortar e pegar basicamente. O que fixen foi seleccionar o material, organizalo e intentar contar unha historia de xeito visual.

—Que material empregou?

—Está integramente feita con recortes de revistas de moda e publicidade. Dalgún xeito eu quería deconstruír esa imaxe de muller nova, extremadamente delgada e case sempre branca que vemos normalmente neste tipo de publicacións. Prescindín do corpo e centreime nos retratos. Son obras que están feitas de pedaciños de moitas, de todas, e que mostran o interior, a mente, a imaxinación e a creatividade das mulleres. Ademais hai unha simbiose entre imaxe e palabra, así que todos os cadros van acompañados de cartelas con microrrelatos.

—Son obras que reivindican o feminismo dalgunha maneira?

—Sen dúbida. A técnica exacta que empreguei é o «femage» na que se recollen todas as actividades propias da muller de antes como era coser, cortar... É básicamente unha colaxe feminista. Nesta colección e en toda a miña obra, a muller está moi presente, dun xeito reivindicativo, controvertido e incluso polemizando. Sobretodo quero darlle visibilidade e pór o foco no carácter creador das mulleres.