Teatro, música e poesía protagonizan «As Noites de Florencio» en Vilamartín de Valdeorras

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO

OURENSE

Débora Álvarez, directora de As Letras de Florencio; Enrique Álvarez Barreiro, alcalde de Vilamartín; Margarida Pizcueta, edila do Barco; o artista Anxo Baranga e Raquel Bautista, alcaldesa de Petín co cartel de actos.
Débora Álvarez, directora de As Letras de Florencio; Enrique Álvarez Barreiro, alcalde de Vilamartín; Margarida Pizcueta, edila do Barco; o artista Anxo Baranga e Raquel Bautista, alcaldesa de Petín co cartel de actos. CEDIDA

A maioría das actividades serán en Córgomo, a aldea natal do poeta homenaxeado polo Día das Letras

28 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Vilamartín de Valdeorras e en especial a aldea de Córgomo traballaron arreo e gozaron o pasado 17 de Maio nos actos de celebración do Día das Leras para Florencio Delgado Gurriarán. Esa fachenda polo veciño poeta vai máis aló e seguirá todo o verán con quince citas de teatro, música e poesía nas que se deron en chamar «As Noites de Florencio». O epicentro será a Aira dos Bolos en Córgomo, a mesma na que Florencio xogaba co resto de rapaces cando era un cativo e á que tanto lle gustaba volver cando viña a Galicia, pero tamén parará noutras aldeas do municipio.

A primeira cita será este domingo, con Cándido Pazó e «Eu non digo nada» (20.00 horas, en Córgomo). O sábado 9, Arraianos presentará «Florencio sen fronteiras» (23.00 horas, en Córgomo). O domingo 10 ás 22.30 horas haberá cine en Vilamartín; e o sábado 16 Paco Campos ofrecerá o espectáculo «Cantarenas na noite» (23.00 horas, A Portela). O domingo 23 ás nove, Fátima Delgado estará con «O tío Florencio» en Arcos. O 28 haberá un serán poético co Colectivo Barullo en Córgomo (ás nove). Xa en agosto, o 7 haberá cine de verán en Arnado. O día 13 Alberte Montes traerá o seu espectáculo «Galego pode ser calquera» a Córgomo. O 19 Furafollas liderará un teatro encontro con Florencio, ás dez en Córgomo; e ao día seguinte ás 12.30 horas presentará «Taberna canto conto». Ese mesmo sábado ás nove da noite poderase gozar de AldaoLado con «Furia Necesaria». O 21 haberá cine en Valencia do Sil. Pechará o programa o concerto de Sr Jingles, previsto para o 26 de agosto.

Ademais, haberá dúas actividades para os máis pequenos. Este sábado comeza o obradoiro de teatro para rapaces de entre 10 e 18 anos que Amparo R. de Dios impartirá durante as tres próximas fins de semana (de 11.00 a 13.30 horas). Os interesados poden apuntarse no Concello de Vilamartín. A participación é de balde, pero as prazas son limitadas. O obradoiro rematará cunha función en Córgomo día 31 de xullo ás oito da tarde. E o sábado 27 de agosto en Cernego todos aqueles que queiran poderán participar nun xogo de pistas para rapazada. Será a partir das 18.30 horas baixo o nome de «Atopa ao Florencio».

O programa está organizado por As Letras de Florencio, a iniciativa que dirixe Débora Álvarez e que conseguiu dar un pulo definitivo para conseguir o Día das Letras.