Un equipo de atención primaria de Xinzo participa nun congreso en Irlanda 

La Voz OURENSE

OURENSE

CEDIDA

O grupo que lidera Cristina Margusino foi o gañador da Beca de Medicina Rural

20 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A experiencia do equipo de sanitarios de Xinzo de Limia gañador da Primeira Beca de Medicina Rural chega a Irlanda. O grupo que lidera Cristina Margusino e que promoveu as xornadas de atención sociosanitaria na Limia conseguiu este galardón que outorga a Asociación de Médicos Galegos e a Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia e participa nestes días no Congreso Internacional Wonca, na localidade irlandesa de Limerick.

Foi precisamente no mes de xuño do ano pasado cando se retomaron na Casa da Cultura de Xinzo de Limia, e despois do parón da pandemia, as xornadas que resultaron premiadas coa Primeira Beca de Medicina Rural. Participaron unha ducia de poñentes entre profesores universitarios, médicos, enfermeiros ou traballadores sociais, entre outros. Este proxecto de atención sociosanitaria no rural será agora compartido en Irlanda e, de seguro, servirá para guiar a outros expertos nesta especialidade. O obxectivo do congreso é compartir ideas e coñecer outros servizos do mundo e os traballos.

A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, quixo felicitar en nome do Concello ao equipo dirixido por Cristina Margusino e mostrouse «profundamente satisfeita coa representación e co traballo das profesionais sanitarias do Centro de Saúde de Xinzo de Limia como referentes de atención primaria á cidadanía no Congreso Wonca en Irlanda». A rexedora engadiu que «o seu traballo e dedicación coa poboación rural son a base dun traballo premiado e recoñecido a nivel internacional»