«Son escultor. Chámome Acisclo»

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

A Deputación de Ourense entregou a medalla de ouro da provincia ao artista ourensán

17 jun 2022 . Actualizado a las 18:15 h.

Nun salón de plenos ateigado de artistas, académicos, amigos, o presidente do Parlamento de Galicia, os alcaldes de Cea e Xunqueira de Espadanedo e representantes dos grupos políticos da corporación, a Deputación de Ourense fixo entrega da medalla de ouro da institución ao escultor Acisclo Manzano. Un acto que foi a materialización do acordo unánime adoptado en maio do 2020 e que non era outro que o de conceder a Medalla de Ouro da Provincia ao artista «como homenaxe do pobo de Ourense a toda unha intensa e frutífera traxectoria artística que contou co recoñecemento unánime da sociedade, confirmando que estamos ante un ourensán que co seu concepto innovador e vangardista contribuíu a situar a arte galega nun lugar destacado do panorama nacional e internacional».

A laudatio do homenaxeado correu a cargo de Victoria Carballo-Calero, quen fixo un pormenorizado repaso pola súa traxectoria artística, as súas diferentes etapas creativas, as súas influenzas e artistas admirados —de Moore a Oteiza— e o papel xogado polo seu compañeiro e amigo Xaime Quessada para «facer máis cosmopolita a Acisclo». A deputada de Cultura, Patricia Torres, foi a encargada de dar conta do expediente tramitado para a concesión.

O presidente provincial, José Manuel Baltar Blanco, salientou a capacidade do escultor para «conciliar discretamente, sen facer ruído, sempre con eficacia» os diferentes movementos artísticos que se foron dando na cidade. Tamén a súa capacidade para «rachar co pasado sen renegar nunca das raíces». Lembrou que a Deputación editou no 2016 un volume monográfico sobre a súa obra.

O homenaxeado desbotou ler as súas notas por «estar a maior parte, e máis, xa dito» e agradeceu aos que o acompañaban no acto a súa presenza —«aos amigos e aos inimigos, que tamén os teño»—. Tivo palabras de agarimo para a súa filla e os netos presentes no acto; tamén para as diferentes ramas familiares. Recoñeceu Acisclo Manzano que non se significou noutras facetas artísticas «porque a escultura me secuestrou. Son escultor e doulle as grazas á escultura», sinalou. Mesmo se amosou convencido da estar predestinado á súa faceta artística: «Gregos e romanos chamaban acisclos ás macetas ou martelos de ferro que empregaban os canteiros».

Asegurou que «os artistas non copiamos, roubamos para expresar o que queremos», gabouse de ser «un ourensán das Burgas» e anunciou unha exposición de homenaxe a Ourense —titularase Tocar e levar— para o seu 90 cumpreanos. O artista rematou a súa intervención cunha sinxela e sentida afirmación: «Son escultor. Chámome Acisclo».