A Deputación convoca bolsas para estadías de escritores ourensáns no extranxeiro

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

xmr

As axudas teñen como obxectivo favorecer a creación e internacionalizar aos autores da provincia

31 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Deputación e a Residencia Literaria 1863, que dirixe a escritora Yolanda Castaño, promoven un proxecto de apoio á creación literaria mediante unha convocatoria de catro bolsas de axuda para estadías no extranxeiro e unha para a península. O obxectivo das mesmas e fomentar o traballo literario dos creadores ourensáns «vivindo unha experiencia plena de creatividade e residencias de diferentes países europeos», segundo sinalou o vicepresidente César Fernández Gil.

Esta iniciativa quere fomentar a creación literaria e o perfil internacional dos escritores ourensáns con estadías no mes de agosto en espazos rurais de Polonia e Islandia, en áreas urbanas de Croacia e Turquía e nunha residencia literaria en Almería. Castaño salientou a aposta da Deputación «por cambiar o paradigma, apoiando a creación literaria antes da publicación da obra, e non despois como é habitual, facilitando o espazo, tempo e condicións» e incidiu na importancia de contar con ese tempo libre de compromisos ou responsabilidades para centrarse só en escribir. A convocatoria ábrese este martes e o prazo pecha o día 15, logo unha comisión seleccionará aos beneficiarios das axudas. 
Os creadores que desexen optar ás axudas deberán ser maiores de idade, achegar unha mostra do seu traballo anterior e o proxecto a desenvolver e unha carta de motivación.