Sabela Hermida: «A obra axuda a desmontar tópicos sobre a cultura árabe»

x. m. r.

OURENSE

Manuel Fiestas Moreno

A intérprete que proganiza «Manar. A derradeira caravana» lembra ao desaparecido Lino Braxe con este proxecto que crearon entre os dous

19 may 2022 . Actualizado a las 13:04 h.

Día 20 • 20.00 horas • Teatro Principal • De 6 a 10 euros • Teatro Proscrito chega este venres ao Principal coa súa montaxe «Manar. A derradeira caravana». A obra é un monólogo protagonizado por Sabela Hermida que conta coa música de Hames Bitar (laúde) e Luís Taberna (percusión). O desaparecido Lino Braxe, autor do texto e da dirección, e Sabela Hermida puxeron en marcha o proxecto no ano 2015.

 —«Manar» non é unha proposta corrente dentro do panorama do teatro galego.

—Non, pero todo ten a súa explicación. Era un texto que Lino Braxe xa tiña publicado anos atrás e no 2015 coincidimos na necesidade de darlle unha volta e levalo á escena.

—Como se xestou?

—El era apaixoado do mundo árabe e da causa saharaui e a min tamén era un mundo que me atraía, e bailaba danza do ventre. Coa axuda dunha filóloga refixemos o texto e coa duns músicos creamos a montaxe.

—Leva dende entón en carteleira?

—Non. Estreouse no 2015, fixemos unha versión en castelán e outra en galego, e logo paralizouse todo. Despois da morte de Lino Braxe decidimos recuperala e terá a súa derradeira función no Teatro Tribueñe, de Madrid, que é onde se estreou.

—Que achega ao espectador?

—«Manar» é un monólogo dunha muller que está nun campo de refuxiados e o texto incide en valores como a tolerancia e a paz. Axuda a desmontar tópicos sobre a cultura árabe e as moitas mitificacións absurdas que existen.

—Retomala é unha homenaxe?

—Non como tal, pero si que entre todos —amigos e familia— coincidimos en que hai que lembrar a Lino Braxe e as súas moitas facetas creativas.