Ourense presume das Letras Galegas

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Varias vilas organizaron actos conmemorativos para reivindicar a cultura e a lingua

17 may 2022 . Actualizado a las 19:28 h.

Varias vilas ourensás saíron onte á rúa para celebrar o Día das Letras Galegas. Houbo actos sinxelos, pero tamén programacións completas que tiveron como protagonista tanto a Florencio Delgado Gurriarán, autor valdeorrés homenaxeado este ano, como ao idioma, a cultura e a tradición. O Concello de Barbadás celebrou a primeira Foliada das Letras Galegas, un desfile pola avenida de Celanova, en A Valenzá, a cargo dos alumnos da Escola de Música Municipal. Presidiu a comitiva un rapaz portando a bandeira galega, mentres que os músicos se desprazaron por toda a avenida, interpretando un variado repertorio de temas galegos, recibindo o agarimo e os aplausos dos veciños que a esa hora estaban na zona. O desfile chegou ata o parque dos Carrís, onde xa estaba todo preparado para a comida popular, baixo unha carpa. En Xinzo houbo feira do libro durante toda a xornada e o Concello entregou os premios do concurso literario de narrativa curta Carlos Casares. Houbo unha proxección de vídeos sobre Florencio Delgado Gurriarán e o Día das Letras realizados polos nenos dos colexios e institutos da vila.

No Carballiño a data celebrouse con dúas citas con nome propio. Na tradición posta en marcha nos últimos anos, o Concello procedeu a inaugurar o mural dedicado a lembrar á figura da persoa homenaxeada co Día das Letras Galegas —Delgado Gurriarán neste 2022— e a maiores tamén se creou un coa figura de Rosalía de Castro. Nos actos contouse coa actuación de alumnos do Conservatorio do Carballiño. Na capital do Ribeiro houbo lectura de textos do autor de Bebedeira na praza Maior de Ribadavia.  Na cidade os libreiros sacaron os postos á rúa do Paseo.