Ourense reforza o centro da Molinera con dez enxeñeiros informáticos

La Voz

OURENSE

cedida

O PSOE califica a iniciativa de «autopropaganda» e lembra que o alcalde desbotou hai tempo o Centro de Intelixencia Artificial

17 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Ourense incorporou dez enxeñeiros informáticos ao Centro de Innovación Tecnolóxica da Molinera. O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, recibiunos este luns no Concello, sinalando que a partir de agora a administración local vai ser «un pouco máis áxil» e que o obxectivo pasa por facer do Centro de Innovación Tecnolóxica un espazo onde se cren aplicacións de intelixencia artificial que sexan de utilidade para a cidade e «que ademais vai ser o xerme do que debería se no futuro un centro de investigación esponsorizado pola Xunta de Galicia e o Estado español».

Segundo o rexedor municipal, que calificou a xornada como un gran día, o «centro municipal é un xerme de investigación e desenvolvemento e será ademais unha dinamización absoluta tecnolóxica para o Concello de Ourense».

Malgasto e propaganda

Dende o PSOE o seu portavoz, Rafael Rodríguez Villarino, lembrou que Jácome recoñeceu no último pleno o fracaso do que antes chamaba o Centro de Intelixencia Artificial: «Non o axudan nin a Deputación de Ourense nin a Xunta de Galicia e xa recoñeceu que apoia o proxecto de Santiago de Compostela porque é onde está o grao e o mestrado. El mesmo foi o que lle sacou o nome e deixou hai tempo de chamarlle Centro de Intelixencia Artificial e agora chámalle co nome que tivo sempre, o de Centro da Molinera». Instou Villarino ao rexedor da cidade a retirar aos novos profesionais informáticos cun proxecto que hai tempo que non ten futuro «e a dedicalos a algo útil para Ourense». Para o portavoz do PSOE na corporación municipal a nova iniciativa non é outra cousa «que un malgasto e autopropaganda do alcalde».