O día 20 poderase participar, de 16.00 a 19.00 horas, nos obradoiros de música e baile tradicional que se desenvolverán na praza Maior da vila. Ademais, Ribadavia desenvolverá a Semana do libro en galego. Do 16 ao 21 de maio haberá un desconto do 20 % nas librarías da capital do Ribeiro.
En Barbadás
En Barbadás contarán con actividades para os máis pequenos vencelladas ás Letras Galegas durante varios días. Serán sesións no parque da Casa da Cultura, os días 13, 18, 20 e 23 e estarán protagonizadas por Ana Facchini, Alba Grande, Caxoto e Moc Moc.
E para o 17 de Maio organizouse a que será a primeira Foliada das Letras Galegas. Será no parque dos Carrís. Participarán dez formacións de música e baile tradicional e tamén se contará coa presenza de dezaseis artesáns -con propostas ou produtos como mel, aceite, doces, xoais, instrumentos musicais ou cervexas, entre outros-. Ás 12.00 horas haberá desfile pola Avenida de Celanova e ás 13.30 horas un concerto. O xantar popular comezará ás 14.30 horas e pola tarde, dende as 17.00 horas, haberá actuacións musicais.
En Xinzo
En Xinzo de Limia desenvolveranse iniciativas polas Letras Galegas dende o 16 ao 21 de maio. O 16, ás 20.30 horas, haberá un concerto de Limia Máxica na Igrexa Vella da capital da Limia. Para o 17 de Maio está prevista unha feria do libro, con descontos do 10 %, na Praza Maior, e ás 19.00 horas entegraranse os premios do Concurso de narrativa curta Carlos Casares. De seguido proxectaranse vídeos sobre Florencio Delgado Gurriarán. O Día das Letras Galegas está prevista a presentación do libro A revolta da lagoa, de Rafael Laso Lorenzo, ilustrado por Ximena Maier. No acto, que comezará ás 20.00 horas, incluirase a proxección do documental Antela, historia dunha desecación.
En Celanova
A romaría etnográfica do Raigame concentrará parte da actividade cultural e social o 17 de maio, cunha edición dedicada ao médico rural. Haberá actuacións de grupos de baile galego, pandereteiras, teatro ao ar libre ou cantares de cego, entre outras múltiples propostas, entre as 11.00 e as 19.00 horas. A cita, coma sempre, en Vilanova dos Infantes, con todo o pobo cheo de postos de artesanía, gastronomía e mostras de oficios tradicionais. O día 21 de maio, sábado, na igrexa de Celanova haberá un concerto da Coral Solpor con un repertorio vinculado ao Día das Letras Galegas. Comezará ás 20.30 horas.
En Parada de Sil
O municipio da Ribeira Sacra tamén festexará o Día das Letras Galegas. Será na propia xornada do martes. Dende ás 11.00 e ata as 17.00 horas, nos xardíns da Fábrica da Luz, poderase desfrutar dunha feira de artesanía organizada pola Asociación Tarabelada. Ás 13.00 horas terá lugar un concerto do grupo Versofonía, ao que seguirá un xantar especial para festexar a Florencio Delgado Gurriarán.